Arrincou a Liga Guerreras Iberdrola na que militan dous conxuntos galegos: o Mecalia Atlético Guardés e o Conservas Orbe Rubensa BM Porriño. Ambos os dous equipos deron os seus primeiros pasos neste curso ligueiro xogando como locais, pero con sorte dispar. Unha de cal, e outra de area. Tanto a vitoria do Guardés, como a derrota do Porriño foron por un solo gol de diferenza cos seus rivais nesta primeira xornada de competición.
Se usamos como metáfora náutica a campaña de abonados do Mecalia Atlético Guardés (Todas a bordo!) poderíamos dicir que as da Guarda tiveron o vento a favor, que Eolo encheu as súas velas para conducilas na súa travesía e facelas chegar a bo porto en Tui.
Aínda que o conxunto que adestra Abel González foi por detrás no marcador, as galegas foron quen de remontar e remataron por se impór ao seu rival, o BM Granollers por un marcador de 24-23.
Remontada e triunfo pola mínima do Mecalia Atlético Guardés ante o BM Granollers (24-23)
O BM Porriño perdeu so por un gol co BM La Calzada de Gijón
No caso do o Conservas Orbe Rubensa Bm Porriño que adestra Ismael Martínez, o camiño nesta primera xornada da Liga Guerreras Iberdrola foi xusto o contrario. Non foi ata a segunda metade cando empezaron a ir a remolque do Motive.Co Gijón (BM La Calzada). As galegas chegaron ao descanso co marcador electrónico do municipal do Porriño reflectindo un 13-13 (2-2, 4-3, 8-3, 10-7, 11-11, 13-13, marcadores cada 5 minutos da primeira metade).
Foi na segunda parte cando as asturianas se adiantaron e, aínda que as galegas loitaron ata o último suspiro do partido polo empate (Mica Casasola tivo na súa man unha gran ocasión ao final do partido co tempo parado), non foron capaces de superar ao conxunto asturiano neste debut na Liga Guerreras Iberdrola 2022-23.
Logo desta primeira xornada o Mecalia Atlético Guardés é sexto e o Conservas Orbe Rubensa BM Porriño é oitavo na clasificación da Liga Guerreras Iberdrola.
Os seguintes rivais das galegas na Liga Guerreras Iberdrola
A segunda xornada da Liga Guerreras Iberdrola levará aos dous equipos representantes do balonmán feminino galego na máxima categoría lonxe de Galicia.
No caso do Conservas Orbe Rubensa Bm Porriño que adestra Ismael Martínez, é tempo de visitar Barakaldo para medir forzas contra o Zubileta Evolution Zuazo que perdía na casa do Rocasa Gran Canaria (32–29) na primeira xornada. Será o sábado 10 de setembro a partir das 19:30 horas, no pavillón polideportivo Lasesarre.
No caso do Mecalia Atlético Guardés o destino nesta segunda xornada será Elche. Alí se enfrontarán ao Atticgo Balonmano Elche, tamén o sábado 10 de setembro, no seu caso antes, ás 18:00 horas. O escenario do cruce será o pavillón Polideportivo Municipal La Esperanza Lag. Ao igual que as rivais do Porriño, as contrincantes do Guardés perderon na primeira xornada de Liga. No seu caso na Pavillón Huerta del Rey ante o Caja Rural Aula Valladolid por un marcador de 29 – 26.