Caeu o fortín de Abegondo. As Nosas deportivistas perderon o seu primeiro partido como locais e fixérono xusto cun rival directo na loita polo ascenso e ao que tiñan ganas de vencer polo 4-0 da primeira volta. Iniciou o segundo acto da liga o Dépor ABANCA caendo co CP Cacereño Femenino por 0-2, perdendo tamén así o golaverage particular coas estremeñas.
O equipo que adestra Ernesto Sánchez colleulle a agulla de marear ao que prepara Irene Ferreras. As verdes son a pedra no zapato das deportivistas esta tempada. Foi así na ida e aconteceu tamén no partido de volta. Esta derrota, a primeira das branquiazuis como locais na liga esta tempada, doe máis por ser un rival directo que, ademais dos tres puntos, arrebátalles ás galegas o liderato.
Neste arranque da segunda volta en Abegondo ao Dépor ABANCA atragantóuselle a presión alta ás que as someteu o CP Cacereño Femenino que traballa moi ben ese tipo de xogo.
Con todo, as branquiazuis conseguiron chegar á meta rival aos dez minutos de partido. Unha xogada de Ainhoa Marín rematouna Charle por fóra dos tres paus. Pouco despois Millene roubaba un balón na área rival e o seu remate topaba coa gardameta visitante, Tatiana.
Pese a que o Dépor ABANCA era o que máis chegaba, o CP Cacereño Femenino foi moito máis efectivo. A súa primeira chegada a porta transformouna en gol. Corría o minuto 23 de partido e Edna Imade batía a Yohana (0-1).
A partir de aí o partido mudou. As chegadas do Cacereño á área deportivista empezaron a ser constantes. O balón circulaba moito máis en campo local que visitante e os intentos de saír co esférico controlado das Nosas deportivistas topaban unha e outra vez coa presión alta do Cacereño que freaba a súas intencións.
Con todo tanto Ainhoa Marín, como Millene dispuxeron de ocasións reseñables, pero Tatiana estivo viva e evitou o empate. O gol visitante mandaba no marcador de Abegondo.
O Dépor ABANCA conseguiu un par de chegadas superados os 30 minutos de xogo en transicións rápidas que propiciaron contras. Ainhoa Marín, en asociación con Carlota Suárez, aportou verticalidade, rapidez e chegada.
Camiño do final da primeira parte o xogo estivo parado varios minutos por mor dun golpe recibido pola cancerbeira visitante, Tatiana, que precisou da entrada das asistencias. De feito, a cancerbeira pediría o cambio e sería substituída na segunda metade pola súa compañeira Irene.
A intensidade nas chegadas do CP Cacereño Femenino minguaron tras reanudar o xogo. Así que o parón beneficiu ás locais. No minuto 40 Millene non deu chegado a un envío á área de Carlota Suárez.
O camiño de vestiarios fíxoo a porteira visitante, Tatiana, coxeando e axudada por membros dos servizos médicos do club estremeño. Inés ocupou o seu posto baixo paus á volta de vestiarios.
⚽ #Fútbol
O @RCDeportivo ABANCA perde 0-1 no descanso do seu cruce co @CacerenoFem en #Abegondo.
A porteira visitante xogou os últimos minutos do primeiro período moi tocada tras un golpe que parou o partido minutos. Na saída do campo, coxeando, foi acompañada. pic.twitter.com/PJOejjtE4N— As Nosas – Xornal Deportivo (@asnosasdeportes) January 21, 2023
No segundo acto do partido o Dépor ABANCA tivo máis o balón e buscou chegar por banda dereita a través de Ainhoa Marín, pero as chegadas, que as houbo, non puñan realmente en apuros a meta rival. Estivo ben Paula Monteagudo na banda esquerda contendo en tarefas defensivas e aportando no ataque. Tamén balón parado buscou imprimir perigo. Foi ela quen contra do minuto 59 botaba unha falta que chapaba a porteira Inés.
No minuto 72 Eva Dios substituía a Carlota Suárez no extremo. E dez minutos despois Irene Ferreras facía un dobre cambio, Sara Navarro entraba por Ainhoa Marín (que acusaba un tirón previo que lle impedía render ao cento por cento sobre o tepe de Abegondo), e Lorena Reina por Charle.
A puntilla do Cacereño anotouna Keefe
Un minuto despois, nunha chegada illada, o CP Cacereño Femenino facía o segundo. Unha vez máis obtiña a máxima efectividade materializando unha ocasión, mentres que o Dépor ABANCA chegaba, pero sen poñer en apuros á meta visitante. Foi no minuto 83 cando a chilena Sonya Keefe, última fichaxe das estremeñas, anotaba o segundo. O partido púñase aínda máis costa arriba para as deportivistas que tiñan que remontar un 0-2.
Irene Ferreras acaba de meter no campo novos efectivos e de modificar o debuxo no campo, pero o gol anulou os efectos dese movemento táctico. Así e todo, intentouno o Dépor ABANCA. Mantivo a posesión, pero non aportaba perigo. As súas chegadas non pasaban de ser tiros lonxanos que a penas supuñan un perigo real para Irene baixo paus. Pasaron os minutos e co pitido final chegou a primeira derrota branquiazul do curso ligueiro en Abegondo.
A seguinte parada das herculinas será en Tajonar, o vindeiro sábado 28 de xaneiro ás 12:00 horas. Alí espéralles o CDF Osasuna.
Logo deste resultado o Cacereño colócase líder (á espera do partido de mañá da SD Eibar e o DUX Logroño), leva de Abegondo, tres puntos, o liderato e o golaverage particular coas deportivistas. Din que hai derrotas que mancan máis ca outras. De ser certo, esta é unha delas. A liga continúa na Primera Federación e o obxectivo das coruñesas mantense a tiro.
FICHA TÉCNICA
0) RC DEPORTIVO ABANCA: Yohana, Cris Martínez, Inés Altamira, Raquel García, Paula Monteagudo, Ainhoa Marín (Sara Navarro, min. 82), Letti Sevilla, Paula Gutiérrez, Charle (Lorena Reina, min. 82), Millene e Carlota Suárez (Eva Dios, min. 72).
2) CP CACEREÑO FEMENINO: Tatiana (Inés, min. 46), Hitomi Tanaka, Mireia, Leivis Ramos, Midori Yoshimura, Jenna Holtz, Ayaka Noguchi (Sara, min. 55), Castañeda (Elsa Guerra, min. 86), Edna Imade, Nerea (Sonya Keefe, min. 65) e Santibáñez (María Jesús, min. 65).
GOLES: 0-1 Edna Imade (min. 23); 0-2 Sonya Keefe (min. 83).
EQUIPO ARBITRAL: Cecilia Laura Muñoz di Giovambattista (colexio catalán). Amosou cartón amarelo as visitantes Nerea (min. 24) e Leivis Ramos (min. 58), así como á local Paula Gutiérrez (min. 26).
INCIDENCIAS: Partido correspondente á 16ª xornada da Primera Federación FutFem RFEF disputado na Cidade Deportiva de Abegondo ante numeroso público.