- A Maratón Atlántica, C42, que se celebrará o 2 de outubro, contará cun percorrido plano que atravesará diferentes puntos de interese da cidade da Coruña.
- A cita atlética contará tamén cunha proba 10 K e actividades paralelas.
- A inscrición remata o domingo 18 de setembro.
Este outono regresará a Maratón Atlántica C42 á cidade tras unha ausencia de máis de tres anos. O 2 de outubro celebrarase esta proba de gran tradición, que está considerada unha das mellores do territorio nacional e que este ano será competición de maratón individual e de clubs. Presentouse a nova edición, que aspira a consolidar a categoría da carreira e atraer cada vez a máis atletas de gran nivel nacional e internacional.
No acto estivo presente a concelleira de Deportes do Concello da Coruña, Mónica Martínez, que estivo acompañada polo presidente da Federación Galega de Atletismo , Isidoro Hornillos. Tras o último maratón C42, celebrado en abril do 2019, a proba estréase no outono co obxectivo de atraer un maior número de corredores e corredoras ao resultar unha data máis propicia pola climatoloxía para afrontar a carreira.
O percorrido desta edición evolucionou con respecto ás anteriores, atravesando zonas máis planas e céntricas da cidade e procurando non só o rendemento deportivo, senón tamén a visibilidade da Coruña e os seus principais lugares de interese. O Goberno de Inés Rey considera que este tipo de probas teñen un enorme potencial, e é importante a confección dun circuíto atractivo para corredores e espectadores e espectadoras.
A concelleira Mónica Martínez lembrou durante a presentación da proba que A Coruña é unha das poucas cidades que conta con carreiras de 10 K, medio maratón e maratón organizados pola administración municipal. “A Coruña fai un gran esforzo organizativo para integrar un evento destas características na cidade, facendo un uso dos espazos compatible coa actividade cidadá”, dixo Martínez, quen destacou que o obxectivo é “que esta carreira se consolide definitivamente como unha das actividades deportivas de maior prestixio”.
O prazo de inscrición ordinario na web www.carreirasgalegas.com está aberto ata o domingo 18 de setembro ás 23.59 horas e o extraordinario, desde o luns 19 de setembro ao domingo 25 dese mes, unha semana antes da carreira C42, tamén ás 23.59 horas.
Percorrido e actividades paralelas á C42
O percorrido contará con abundantes rectas e xiros naturais en glorietas. A saída estará na Marina e a meta na praza de María Pita. A carreira desenvolverase en tres voltas. A primeira percorrerá a cidade pola zona dos peiraos, utilizando parcialmente o percorrido do Camiño Inglés que atravesa a urbe. A terceira e última volta desenvolverase pola zona do Paseo Marítimo, chegando ás inmediacións da Torre de Hércules. Esta terceira volta coincide co percorrido da carreira 10 K que se celebrará de xeito paralelo ao maratón, sen interferir en ningún momento os participantes de ambas as disciplinas.
O maratón percorrerá nos seus últimos metros emblemáticas rúas peonís da cidade como a rúa Real ou Rego de Auga, antes de chegar a María Pita. A disposición do circuíto facilitará un amplo seguimento por parte dos espectadores e espectadoras.
Os días previos, 30 de setembro e 1 de outubro, volverá abrirse ao público a Exporunning, unha feira do corredor que terá a súa sede en Palexco e onde, ademais de recoller os seus dorsais e bolsa do corredor, os participantes poderán descubrir as principais novidades sobre este deporte, material deportivo ou nutrición. Ademais, volverá realizarse un ciclo de conferencias sobre diferentes temas de interese relacionados co deporte, a psicoloxía ou a fisioterapia. Os corredores poderán gozar da Pasta Party, no propio Palexco, onde se ofrecerá un buffet de pasta.
O sábado previo á proba haberá un ‘Breakfast Run‘ solidario e a continuación disputaranse as carreiras de menores. Sobre todas estas accións, apuntou Mónica Martínez, informarase proximamente de forma máis pormenorizada sobre os prazos para inscribirse e a forma de gozar de todas estas actividades.