Sandra Buzón cumprirá a súa segunda tempada no Pescados Rubén Burela FS.
A meta santanderina, de 24 anos, convértese na primeira renovación das campioas de Supercopa, Copa e Liga sumándose a Leti, Ale de Paz, Jenny Santos e Cilene, con contrato en vigor, e coa chegada das internacionais Irene Samper e Elenita.
De cara a vindeira tempada, a gardameta declara que “confío en que poidamos ir sentindo aos poucos a calor do público que nos faltou a tempada pasada”.
O balance de Sandra Buzón na pasada tempada
“Foi unha tempada perfecta; grupalmente cumprimos todos os obxectivos e persoalmente foi un gran ano de adaptación, para formar parte dun gran bloque e de estar ao máximo nivel para competir coa miña compañeira de portería”, facía así balance a Guerreira, que volverá defender o 4 laranxa con ganas de traballo e de ter cada vez máis presenza tras o seu excelente primeiro ano na Mariña: “O Pescados Rubén Burela volverá ter un equipazo para optar e pelexar por todo. Espero seguir medrando, aprendendo e poder disputar cada vez máis minutos”.
Buzón: “Foi unha tempada perfecta; grupalmente cumprimos todos os obxectivos e persoalmente foi un gran ano de adaptación”
A cántabra tamén falou das súas primeiras impresións sobre o calendario, que arrincará o 18 de setembro en Vista Alegre: “A priori os retos máis desafiantes preséntanse na primeira e última xornadas, con Melilla e Futsi, e iso fará a liga máis emocionante. Teño moitas ganas de disputar os novos formatos competitivos que se presentan en Supercopa ou play off e confío en que poidamos ir sentindo aos poucos a calor do público que nos faltou a tempada pasada debido ao Covid” explicaba Sandra Buzón.