Este venres, 18 de decembro, dispútase en Málaga a final four da Copa da Raíña de fútbol sala da tempada 2019/2020. Nela participarán dous equipos galegos que non se enfrontan entre si, polo que poderían facelo na final do día 20. Son o Pescados Rubén Burela e o Poio Pescamar FS.
Os seus rivais serán o AD Alcorcón e a Universidad de Alicante respectivamente, nuns encontros que se disputarán no Martín Capena o venres antes da final do domingo.
O Burela enfróntase de novo ao Alcorcón
Abre a xornada o Burela, que preparou este xoves un especial na súa TV particular. As da Mariña enfróntanse ao AD Alcorcón, nun encontro que prevén como moi igualado e disputado pola rivalidade entre ambos conxuntos. Nos play offs polo título ambos equipos loitaron polo primeiro posto, que quedou do lado galego.

As Guerreiras Laranxas desprazáronse á localidade andaluza o xoves e atópanse concentradas ante da semifinal. Como parte da previa, tanto Cilene como Elena Aragón declararon como están a vivir os intres previos ao partido.
Cilene, que xa participou na final da tempada anterior, con vitoria para o cadro laranxa, recorda que segue “moi ilusionada e moi motivada”. Na edición anterior tivo a oportunidade de marcar o último penalti e garda moi bos recordos daquela ocasión. Ante o partido do venres, a futbolista recoñece que se sinte “moi feliz de poder disputar este partido e defender o título”.
Menos experiencia ten Elena Aragón. A laranxa confesa que, ao ser a primeira final a catro que xoga, está “moi ilusionada e con moitos nervios”. Chegar ata as semifinais non é ningunha sorpresa, xa que “é algo que cando cheguei aquí xa sabía que ía pasar, pero ata que non chega a semana da Copa non entran os nervios e as ganas por disputala”.
No curso anterior, Aragón xogaba para o Leganés, equipo eliminado da Copa polo Burela. Unha situación que na futbolista provoca unha mistura de sentimentos, “porque naquel momento tiña unha tristeza moi grande e hoxe a alegría é enorme. As ganas son inmensas e a ilusión aínda máis”, asegura.
Ambas coinciden en que teñen por diante a un rival moi duro. Cilene destaca o bo plantel das adversarias e inclínase por pensar en que acadaran un resultado favorable, como sucedeu na Liga. Un marcador que, segundo Elena Aragón, fará que as futbolistas rivais cheguen “con ganas de revancha”. “Temos que poñer todo o que teñamos na pista para poder levarnos a vitoria”, resume.
O Poio ten a posibilidade de levantar o seu primeiro trofeo nacional
Dúas horas despois, ás 16:00 horas, o Poio xogará contra o Universidad de Alicante a segunda semifinal da xornada. As galegas tamén están xa concentradas en Málaga, para dar un paso máis cara o que podería ser o seu primeiro título dunha competición nacional.


As futbolistas chegan con moi boas sensacións a este encontro, con tres vitorias consecutivas na Liga de Primeira División de Fútbol Sala, colocándose na segunda posición da clasificación do Grupo A. O seu rival vai quinto, no B.
Para esta competición as convocadas son:
- 17. Silvia
- 5. Miriam
- 19. Luci
- 7. Julia Dupuy
- 8. Iraia
- 13. Dani Soura
- 11. A. Chiesa
- 14. Irene
- 23. Carol
- 15. Clara
- 10. Antía
- 28. Ana Rivera
- 21. Caridad
📋Convocatoria para la Final Four!
✅Ilusión
✅Esfuerzo
✅Trabajo
✅Ganas
✅SuerteSe caen de la lista a última hora…
❌Desconfianza
❌InseguridadY cómo no, las mejores jugadoras 😜#FinalFourMálaga2020 #PoioPescamar #CopaDeLaReina pic.twitter.com/wW4LvjUpcz
— Poio Pescamar FS (@PoioPescamarfs) December 16, 2020
De gañar ambos equipos galegos a semifinal, enfrontaríanse na final do domingo, 20 de decembro, que se celebrará no mesmo Martín Capena, ás 14:00 horas. Todos os partidos da Copa de futsal retransmitiranse por Teledeporte.