A galega Jessica Bouzas logrou un novo título de campioa coa súa participación no Torneo Internacional Heraklion en Grecia. A tenista foi quen de vencer na competición, rematando na primeira posición.
Bouzas partía como cabeza de serie número 2 e comezou o campionato demostrando a súa calidade gañando cun 6-1, 6-1 á grega Martha Matouka. Na segunda rolda, a súa rival foi a alemana Angelina Wirges, que tamén caeu derrotada por un 6-2, 6-3. Na seguinte fase agardaba Emily Seibold, quen tampouco puido coa galega, nun partido que rematou no 6-2, 6-1.
Segundo informa a Federación Galega de tenis, o encontro máis complicado chegou nas semifinais, ante a israelí Ahavit Kimchi. Jessica Bouzas remontou un primeiro set en contra, e obtivo a clasificación para a final cun resultado 5-7, 6-1, 6-2. Na final, a galega non deu opción á mexicana María José Portullo Ramirez, vencendo cun 6-3, 6-0.
No campionato de dobres, a tenista galega fixo parella ocn Claudia Hoste Ferrer, chegando ás semifinais.