O deporte segue a ser un espazo onde construír unha sociedade feminista, e así o demostran asociacións como o Ourense Gaels, nado no fútbol gaélico da unión entre Afiadoras e Auriense. O vindeiro mércores 13 organiza a xornada ‘Perspectiva de xénero no deporte’.
En palabras de Antía Botana, xogadora e unha das organizadoras, esta modalidade “é un deporte moi enriquecedor, nos adestramentos estamos homes e mulleres, rompendo barreiras específicas do xénero”.
A charla será ás 21:00 horas no campo da universidade, e no seu programa conta co deporte feminino e a súa evolución, o fútbol gaélico e os seus valores, e ademais unha sesión de adestramento para iniciar ás participantes no fútbol gaélico.
Volvémonos unir aos nosos amigxs da Auce (Asociacion Universitaria de Ciencias da Información) para presentarvos a xornada “Perspectiva de xénero no deporte” que terá lugar no campo da uni. pic.twitter.com/yTiXt03bWS
— Auriense Campus da Auga FG 🏳️🌈 (@AurienseFG) October 9, 2021
Valores que traspasan o deporte
Aínda no 2021 as accións para fomentar o deporte feminino son necesarias. Tal e como sinala Botana a partir dun estudo do 2021 do Ministerio de Cultura e Deporte, só o 23,5% das persoas que practican deporte federado son mulleres.
“Estamos ligadas ao deporte pero quizais máis por estética que por competitividade”, reflexiona. Por iso, o ensino é clave para mudar a sociedade. “Se non nos ensinan que podemos practicar un deporte de maneira competitiva, na idade de 20-25 anos é moi difícil mudar esa idea. Hai interese e veñen rapazas que queren probar, pero é unha miníma parte”, engade.
Antía Botana: “Se non nos ensinan que podemos practicar un deporte de maneira competitiva, na idade de 20-25 anos é moi difícil mudar esa idea”
No fútbol gaélico xa están a mudar esta perspectiva. “No 2018 fixemos un proxecto único en Galicia. En Irlanda seguen coas normas que dictan que o feminino ten unha normativa diferente ao masculino, con menos contacto, non podiamos coller o balón coas pernas, e todo. Aquí temos o proxecto de igualar as normas, e ter as mesmas que o masculino, e facemos o pickup, temos máis contacto. Hai unha iniciativa no noso deporte de maior igualdade, que se desliga co deporte de Irlanda”, expón a xogadora do Ourense Gaels.
En Ourense, coa asociación Gaels contan con participación na liga mixta, coñecida como Liga Gallaecia, e na segregada. A primeira delas “xa ten fortes valores feministas e de igualdade. Xogan todas os mesmos partidos, mesmas condicións e todo”.
No relativo aos equipos, o primeiro en xurdir na zona foi o de Afiadoras, que xa no 2014 uniuse a Auriense para formar a asociación. Nos comezos, só había unhas catro rapazas para competir no fútbol gaélico, pero agora xa son máis. De feito, as ourensás foron pioneiras, ao ser o primeiro club formado a raíz dun equipo feminino, e non ao revés.
Efectos secundarios da pandemia
Con todo, a pandemia tamén foi un golpe duro para o deporte feminino galego. Os equipos de fútbol gaélico viron como diminuían as súas fichas. “Agora a xornada de perspectiva de xénero xorde máis da necesidade, de que non hai mulleres. É algo xeneralizado no fútbol gaélico e que vemos noutros deportes. A raíz da pandemia non temos case presenza de mulleres. Estamos intentando facer torneos e todo e non damos encontrado a xente ou que entre xente nova”, apunta a xogadora do Ourense Gaels.
Antía Boente: “A raíz da pandemia, non temos case presenza de mulleres”
O fútbol gaélico galego ten a necesidade “de ter máis xente no deporte e de dar visibilidade a un deporte feminista. Tense a idea de deporte de contacto e iso bota para atrás ás veces que veñan rapazas e non é así. Queremos buscar xente”. Actualmente a competición da Liga Gallaecia está parada, pero os adestramentos mixtos seguen en marcha en Ourense.
Relación universitaria
Desde o 2016 o Ourense Gaels conta cunha Escola Deportiva Universitaria de fútbol gaélico, coa que visibilizan e dan a coñecer este deporte e os seus valores. Tamén apuntan aos colexios, onde é máis doado chegar ao alumnado.
Pero a relación da asociación coa Universidade de Vigo vai máis aló. “Levamos colaborando con Auce (Asociación Universitaria de Ciencias da Educación) desde o 2015. Antes adestrabamos no campo de Moreira e grazas a elas conseguimos adestrar no campo da universidade, que é un plus porque está dentro da cidade”, apunta Botana.
“Antes da pandemia participamos con elas facendo colaboracións de festas, para falar á xente do deporte. Tamén organizaron unha mesa redonda e foi a nosa compañeira Alba, que é a máis internacional, que está na Selección Galega. Colaboramos nesas cousas e en todo o que podemos”, engade.
View this post on Instagram
O fútbol gaélico en Galicia
O fútbol gaélico é un deporte que enfronta a dous equipos de nove xogadoras cadea un e no que “podes controlar a pelota coa man, que é preferible, e cada catro segundos tes que facer un bote ou un solo. Podes marcar detro da portería, que son 3 puntos, ou por riba, que é un punto”, explica Antía Botana.
Á hora de competir, a Liga Gallaecia conta con equipos mixtos, mentres que na segregada hai un total de sete conxuntos. Nesta última, ante a falta de mulleres, é máis complicado competir, e os equipos tiveron que xuntarse: “O ano pasado fixemos amálgamas, xuntándonos con Herdeiras, as de Lalín, as de Coruña xuntáronse coas de Santiago… Así fixemos equipos e unha mini liga, e ademais de adestrar puidemos xogar, que é o que gusta verdadeiramente. Se este ano non sae equipo intentaremos facer amálgamas, pero que a liga non pare, que é contraproducente”, indica.
Antía Botana: “Se este ano non sae equipo intentaremos facer amálgamas, pero que a liga non pare”
O ‘terceiro tempo’
Un aspecto importante do fútbol gaélico, senón o que máis, é o coñecido como ‘terceiro tempo’: as quedadas despois dos partidos entre compañeiras de equipo e rivias. “Vén da man do valor de competitividade si, pero tamén da amizade no deporte. No deporte a comunicación e coñecer ás persoas doutro equipo é importante”, apunta.
Este é un atractivo importante, xa que “moita xente meteuse polo terceiro tempo, é o que se vende. Pero é un deporte tan dinámico que engancha e a xente se vai quedando”, afirma Boutana.