- Se es deportista e queres acceder ás bolsas da Deputación da Coruña desde mañá poderás presentar a túa solicitude. O prazo remata o 18 de marzo.
A Deputación da Coruña, no seu labor de promoción, difusión e apoio ao deporte coruñés, publica hoxe martes 15 de febreiro no Boletín Oficial da Provincia a convocatoria de 45 bolsas deportivas de 3.500 euros cada unha destinadas a deportistas da provincia que destaquen en competicións federadas a nivel rexional, nacional e internacional. O prazo de solicitudes abre mañá mércores e remata o 18 de marzo ás 14.00 horas.
A deputada de Deportes, Cristina Capelán, informou de que neste 2022 a Deputación destina un orzamento de 157.500 euros a esta liña de subvencións, que pretende “recoñecer o esforzo das nosas e os nosos deportistas e axudarlles a que poidan ter a mellor preparación para que sigan colleitando éxitos para o deporte coruñés nas diferentes disciplinas deportivas”.
Entre os as persoas que accederon a estas asxudas da Deputación en 2021 destacan referentes do deporte coruñés como a atleta ribeirense Ana Peleteiro (medalla de bronce nos Xogos Olímpicos de Toquio), o piragüista betanceiro Carlos Arévalo (medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Toquio), Caetano Horta (remo), Alberto Gaitero (judo), Daniel Castro (tiro con arco) ou Belén Toimil (lanzamento de peso).
Bolsas dirixidas a deportes que pertenzan a unha disciplina olímpica
As persoas solicitantes das axudas deberán practicar un deporte que pertenza a unha das disciplinas incluídas no programa oficial dos próximos Xogos Olímpicos de París que teña carácter individual. Ademais, as e os candidatos terán que acreditar o seu historial deportivo durante o ano 2021, no que constarán as participacións e os resultados máis importantes obtidos en campionato oficial ou recoñecido pola federación deportiva correspondente.
Tamén se valorará o grao de interese do proxecto presentado, a proxección de futuro do deportista e a súa progresión ao longo dos últimos anos.
Poderán solicitar as bolsas atletas de 12 a 30 anos. As bolsas divídense en tres categorías, en función da idade das persoas solicitantes:
- Grupo A: 15 bolsas para deportistas de 12 a 17 anos
- Grupo B: 15 bolsas para deportistas de 18 a 23 anos
- Grupo C: 15 bolsas para deportistas de 24 a 30 anos.
Pincha aquí para acceder á convocatoria destas bolsas publicada no BOP da Coruña