Cómodo triunfo do BAXI Ferrol no seu encontro na Malata ante o ADBA Avilés pertencente á oitava xornada da Liga Feminina 2. A xogadora máis valorada foi Geraldynn Leaupepe con 18 puntos de valoración, a deportista asinou un 83% de portentaxe de acerto en tiros libres.
O BAXI Ferrol sumou a súa oitava vitoria consecutiva da tempada, a terceira mellor marca da súa historia, ao superar ao ADBA Avilés por un cómodo marcador de 92-35.
Como vén sendo habitual o conxunto departamental saltou moi forte á cancha, logrando escaparse no tenteador, o que provocou que o primeiro cuarto terminase coa vantaxe de 25-8.
O equipo ferrolán dominaba o rebote e corría con facilidade, aínda que non era o seu mellor partido nunha das súas especialidades, o lanzamento de tres puntos, no que as súas xogadoras non tiveron unha boa porcentaxe. A pesar diso, ao descanso chegouse cun 46-18.
Despois de saír dos vestiarios, o cadro local tivo uns minutos de bastante desacerto, errando canastras fáciles, aínda que seguía controlando o encontro e ampliando a súa renda, até chegar ao final do terceiro cuarto cun 63-30.
O ADBA Aviles, colista, viu como o BAXI lle pasaba por riba
No últimos dez minutos, o BAXI Ferrol foi outra vez unha apisoadora, cunha defensa asfixiante ao seu rival, que apenas era capaz de lanzar a canastra. As asturianas, colistas, so puideron ver como as galegas ampliaban unha chegada tras outra a súa distancia no luminoso.

Pola contra, o equipo ferrolán chegaba con moita facilidade ao aro rival, ampliando considerablemente a súa renda até finalizar o encontro o último cuarto cun parcial de 29-5 e no total do partido cunha contundente vitoria por un resultado de 92-35 campeando no electrónico da Malata.
Mirando o lado positivo do partido, no conxunto visitante destacaban, ademais da actitude de loita do bloque sobre o parqué ferrolá, a presenza na cancha de dúas xogadoras que aínda contan con idade junior. Trátase de Guada Cuesta e Alba Montalbán, neste último caso debutante na categoría esta oitaba xoranda.
Final del partido en el Ferrol.@UniFerrol 92-35 @ADBA87
Nuestro equipo a peleado y luchado contra un gran rival.
Destacar la participacion de nuestras junior @guadacuestaaa y @albaaaml_ que ha debutado en #LF2
(📷 febtv) pic.twitter.com/CXMVnHtmaW— ADBA (@ADBA87) November 21, 2020
Desta forma, o cadro ferrolán, mantense na primeira posición da táboa, con oito vitorias noutros tantos partidos e o vindeiro domingo, ás 12.00, xogará en Pamplona ante o Ardoi, o outro equipo do grupo que aínda non coñece a derrota. Será unha boa oportunidade para seguir calibrando o potencial das pupilas de Lino López.
O BAXI Ferrol, intratable, segue invicto, atesora unha racha de oito vitorias consecutivas, é dicir, conta todos os seus partidos nesta campaña ligueira 2020 -2021 como triunfos, é líder da clasificación con 16 puntos, dous máis que as súas inmediatas perseguidas, o Celta Zorka Recalvi que son segundas con 14 puntos e seis triunfos.
A próxima saída será complicada
O seguinte rival das galegas será o conxunto navarro do Osés Construcción Ardoi, un rival totalmente diferente á Agrupación Deportiva Baloncesto Avilés que chegaba á Malata como faroliño vermello. A Fundación Navarra de Baloncesto Ardoi ocupa actualmente a cuarta praza na clasificación e tamén están invictas. So que no seu caso so levan seis partidos xogados e polo tanto están relegadas na táboa. Pero, sen dúbida, trátase dun rival forte, que xoga na casa, e que plantará cara ao equipo ferrolá.
Así e todo, as deportistas que adestra Lino López non queren deixar de sumar triunfos e menos aínda ante un rival directo como é o caso das navarras. O partido, correspondente á novena xornada terá lugar o vindeiro sábado 29 ás 12:00 horas no Pavillón Polideportivo Municipal Zizur Mayor (Navarra)
FICHA TÉCNICA
BAXI FERROL: Laura Fernández (-), Irene Gari Gilabert (19), Geraldynn Leaupepe (3), María Anniina Ijanen (8) eJenna Allen (16) – quinteto inicial – Tamén xogaron: Patricia Cabrera (3), Julieta Mungo (7), Patricia Benet (1), Natalia Rodríguez Domínguez (5), Andrea Boquete (11) e Sune Swart (11)
ADBA AVILÉS: Artemis Barbosa (4), Marcy Ariana de Sousa Gonçalves (11), Sara Fraile (-), Laura Martínez Pérez (-) e Devon Nicole Brookshire (9)- quinteto inicial – Tamén xogaron: Alba Montalbán (-), Marcia Guimaraes de Carvalho (7), Guadalupe López Cuesta (2), Elisabet López Sagrera (-) e, Carlota Velasco Yepes (2).
PARCIAIS: 25-8, 21-10, 17-12 e 29-5.
ÁRBITROS: Laura Piñeiro Amondaray e Martín Trasancos Blanco.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á oitava xornada da LF2 disputado no Pavillón Municipal da Malata en Ferrol entre o BAXI Universitario Ferrol e a Agrupación Deportiva Baloncesto Avilés.