O BAXI Ferrol decidiu poñer en marcha a campaña de abonados, baixo o lema “Gozar do camiño” coa intención de seguir contando cun bo respaldo dos seus afeccionados, nunha tempada na que está a confeccionar un proxecto para tratar de retornar á liga Endesa.
O pasado luns iniciouse a campaña e nas dúas próximas semanas, tanto os que queren renovar o seu abono, como os que se queiran dar de alta, poderán facelo os luns, martes e xoves, entre as 19.00 e as 21.00 horas, no local da Sociedade San Carlos, enfronte o pavillón de Esteiro.
Debido ás restricións polo COVID19, desde o club buscouse unha localización máis accesible que o pavillón da Malata e quere agradecer aos dirixentes da Sociedade San Carlos a súa colaboración para prestar as súas instalacións para que se poida levar a cabo a campaña.
Cabe destacar que unha das novidades da campaña é que os abonados do ano pasado, poderán beneficiarse dun desconto do 30% no seu recibo, se levan a un novo abonado da súa categoría ou superior.
Dadas as restricións nas instalacións deportivas polo COVID19, polo momento non se asignarán asentos aos abonados, pero cando as autoridades permitan ter unha maior ocupación do pavillón da Malata, os abonados que agora realicen a súa renovación ou un alta, terán prioridade á hora de escoller a súa localización no recinto deportivo.
Os prezos que rexerán esta campaña son:
Familiar (Dous adultos) 90 euros + 5 euros por neno
Individual 70 euros + 5 euros por neno
Familiar Club (Dous adultos para nenos que pertenzan á canteira do club) 60 euros + 5 euros por neno
Xuvenil (De 16 a 25 anos) 35 euros
Apoio
Cabe destacar que o club ferrolán é o de maior respaldo social da categoría e figura no top cinco de abonados de todo o baloncesto feminino español, xa que terminou a pasada tempada con preto dos mil cen seguidores.
Desde o club confíase en que sigan contando con ese apoio desde as bancadas.