- O equipo chicharrero do Balonmano Santa Cruz de Tenerife, que cambiou de denominación (antes Balonmano Salud Tenerife), descendeu o curso pasado desde a liga Guerreras Iberdrola á División de Honra Oro.
O Mecalia Atlético Guardés fixo historia a tempada pasada ao converterse no primeiro equipo feminino de Galicia en alcanzar unha final de Copa da Raíña. Un fito agridoce pola derrota diante Costa del Sol Málaga no partido polo título do pasado 1 de maio en Donostia, aínda que o tempo dá perspectiva e pon no seu lugar a importancia do logrado. Con todo, o deporte é un reinicio constante e o equipo miñoto xa coñece o seu rival para iniciar unha nova ascensión pola escaleira do soño copeiro.
O Balonmán Santa Cruz de Tenerife de División de Honra Oro cruzarase no camiño do conxunto miñoto a fin de semana do 28 de xaneiro, no partido único co que se resolverá esta segunda rolda da competición. Tras ela, quedará configurada a fase final, que este curso celebrarase en Málaga.
O equipo chicharrero cambiou o seu nome, pero o club é o Balonmano Salud de Tenerife, que descendeu o ano pasado desde a liga Guerreras Iberdrola. No seu feudo, o Pavillón do barrio da Salud, selou o Mecalia Atlético Guardés a súa décima clasificación europea consecutiva a pasada campaña. Alí pechou a competición o colectivo da Guarda e a súa gloriosa etapa na entidade José Ignacio Prades. O agora seleccionador absoluto foi o encargado de exercer de man inocente no sorteo, xunto ao presidente da Federación Española, Francisco Blázquez.
O conxunto canario vén de superar pola mínima na rolda anterior (da que o Mecalia Atlético Guardés quedou exento como equipo europeo) a outro recentemente descendido, o Sant Quirze (30-29). Con todo, non tivo o mellor inicio ligueiro e perdeu os dous encontros que disputou: diante o Pozuelo e fronte ao Cicar Lanzarote.
Desta segunda rolda sairán as seis escuadras que completarán o cadro da fase final da competición. Costa del Sol Málaga está xa clasificado como anfitrión e Super Amara Bera Bera estao como campión de Liga, condición que marcou a Federación Española ao coincidir como anfitrión e vixente campión de Copa o cadro malacitano. Esta nova situación obriga ao Mecalia Atlético Guardés, actual subcampión do torneo do KO e en principio o sinalado para ocupar esta segunda praza, a facer o roteiro de clasificación para unha nova fase final.
Abel González: “O Tenerife váinolo a poñer difícil na súa pista”
O técnico asturiano do Mecalia Atlético Guardés, Abel González, valorou con prudencia o resultado do sorteo da segunda rolda da Copa da Raíña, que lle emparellou coa Santa Cruz de Tenerife (antes Balonmano Salud). “Tocounos un rival ao que temos que respectar e que, na súa pista, váinolo a poñer difícil”, augurou Abel González, que non esconde que ve “a posibilidade de pasar” neste enfrontamento a partido único, que terá lugar na illa canaria o 28 ou o 29 de xaneiro.
Abel Gonzalez, adestrador do Mecalia Atlético Guardés ve posible “a posibilidade de pasar” a eliminatoria da Copa da Raíña ante o Balonmano Santa Cruz de Tenerife
“Coñecémolo da tempada pasada, aínda que tiveron algunhas baixas. A súa referencia é Rebeca López, que é unha xogadora importante pola súa experiencia”, conclúe Abel González.