A Xunta de Galicia, a través da Fundación Deporte Galego da Secretaría Xeral para o Deporte, vén de anunciar a convocatoria de axudas DGAN – TAXAGAN para deportistas galegos de alto nivel, así como técnicos, adestradores, xuíces e árbitros de alto nivel 2025 que terán un orzamento inicial de 800.000 euros.
Estas axudas beneficiarán aos deportistas de alto nivel con recoñecemento en vigor nalgún momento dos anos 2024 e 2025, en función dos seus resultados.
As axudas para persoas deportistas, técnicas, adestradoras, xuíces e árbitras de alto nivel serán resoltas na mesma fase, en lugar de facelo en dúas separadas como no exercicio 2023, que foi o primeiro no que se concederon as axudas TAXAGAN, así como no 2024 cando houbo outras dúas con motivo dos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París. Os técnicos, adestradores, xuíces e árbitros foran recoñecidos no alto nivel grazas ao novo decreto de 2020.
Ver esta publicación en Instagram
No caso dos deportistas galegos de alto nivel haberá 10 tipos de axudas: DGAN Ouro Olímpico (ata 12.000 euros); DGAN Prata Olímpica (ata 10.000 euros); DGAN Bronce Olímpico (ata 8.000 euros); DGAN 1 ou Diploma Olímpico (ata 6.000 euros); DGAN 2 ou Participación Olímpica (ata 5.000 euros); DGAN 3 (ata 4.000 euros); DGAN 4 (ata 2.000 euros); DGAN 5 (ata 1.000 euros); DGAN 6 (ata 1.000 euros) e Deportista de Apoio/Guía (100% da axuda ao deportista DGAN).
No caso dos técnicos e adestradores de alto nivel serán outros 10 tipo de axudas: TA Ouro Olímpico (ata 6.000 euros); TA Prata Olímpica (ata 5.000 euros); TA Bronce Olímpico (ata 4.000 euros); TA Diploma Olímpico (ata 3.000 euros), TA Participación Olímpica (ata 2.500 euros); TA Auxiliar Galicia-París 2024 (ata o 25% da axuda do deportista ou equipo adestrado); TA 1 (ata 4.000 euros); TA 2 (ata 3.000 euros); TA 3 (ata 2.000 euros) e TA 4 (ata 1.000 euros).
Por último, as axudas para os xuíces e árbitros de alto nivel serán: XA 1 (ata 3.000 euros), XA 2 (ata 2.000 euros) e XA 3 (ata 1.000 euros).
O prazo de presentación das solicitudes será dende hoxe venres 28 de novembro ao xoves 4 de decembro de 2025. Para a presentación de forma electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.
Incremento do importe inicial das axudas ao alto nivel
Cómpre salientar que o orzamento inicial en 2024 foi de 600.000 euros (300.000 euros para as Axudas Galicia-París 2024 e outros 300.000 euros para as axudas ordinarias do ano en curso). Este orzamento inicial ampliouse finalmente ata preto dun millón de euros (958.120 euros), acadando o récord histórico das ‘Axudas DGAN’.
Deste xeito, o orzamento inicial de 600.000 euros para 2025, que poderá ser incrementado en función das solicitudes, sobe un 33% con respecto ao ano anterior.





















