- A pesar da derrota, o Mecalia Atlético Guardés termina a súa participación copeira de novo entre as mellores, cunha nova semifinal disputada para sumar á súa traxectoria deportiva.
- A segunda parte de Lima e as paradas de Sempere, o máis destacado do equipo.
O Mecalia Atlético Guardés terminou a súa participación na Copa da Raíña de Málaga. Fíxoo cunha derrota en semifinais diante o todopoderoso Super Amara Bera Bera, pero coa cabeza ben alta. Novamente, a escuadra dun pobo galego de 10.000 habitantes volveu meterse entre os mellores dunha competición, neste caso un torneo do KO no que leva tres anos consecutivos alcanzando polo menos as semifinais (o curso pasado foi subcampión).

As pupilas de Ana Seabra asinaron un segundo tempo cheo de fe, pero non foi suficiente para neutralizar os tres goles de desvantaxe que o cadro vasco adquiriu ao descanso.
Agora, o colectivo da Guarda céntrase en recuperar forzas para enfocarse no obxectivo máis ilusionante do ano: a final da Copa Europea contra o Konyaalti turco, que comeza nunha semana na Sangriña.
O equipo donostiarra empezou o partido coa máxima seriedade. Un parcial de 3-0 marcou a pauta diante un Mecalia Atlético Guardés que non atopaba o camiño ao gol. A defensa azul e o rendemento de Aalla impedía unha e outra vez marcar ao conxunto miñoto, que trataba de aguantar o tipo en defensa. Dúas arrancadas máis de Super Amara Bera Bera levoulle a obter a máxima renda do primeiro acto (10-4).
A partir de aí, a escuadra que dirixe Ana Seabra empezou a crecer. Un par de paradas de Carratú deron paso a Míriam Sempere, que realizou outras tres para axudar ao Mecalia Atlético Guardés para recortar distancias. O cadro miñoto cravou un parcial de 0-4, con dous tantos de Carla Gómez na liña. Definitivamente, as xogadoras de branco subíronse ao partido. Só un gol de Marie Louis case ao final impediu ao Mecalia irse dous abaixo ao descanso (12-9).

A segunda parte foi emocionante. O esforzo incesante do equipo miñoto por alcanzar ao seu rival foi exemplar. Nunca se renderon as mulleres de Ana Seabra, que en varias ocasións lograron colocarse a un gol nunha goma continua que se encollía e estirábase.
Míriam Sempere reverdeció os loureiros da semifinal do ano pasado, con varias paradas de moito mérito. En ataque, Patrícia Lima asumiu a responsabilidade con ata cinco goles consecutivos que provocaron unha mixta de Polonio sobre ela.
O Guardés non logra empatar
Imanol Álvarez demostrou a profundidade do seu banco e as alternativas de nivel das que dispón. Alice Fernandes ‘Diva’ entrou desde o banco para asinar unha exhibición na que detivo dous penaltis e varios lanzamentos claros.
A pesar de que a defensa guardesa seguía funcionando e suxeitando a Super Amara Bera Bera, o Mecalia Atlético Guardés nunca puido empatar. Iso si, o esforzo xigante queda na pista. E o orgullo, tamén.

FICHA TÉCNICA
25) SUPER AMARA BERA BERA (12+13): Alice Fernandes ‘Diva’ (p.), Maddi Aalla (p.); Esther Arrojeria (2), Mariane Fernandes (3), Marie Louis (2), Alba Menéndez, Emma Boada (1), Laura Hernández (2), Malena Cavo (3), Maitane Etxeberria (2), Elke Karsten (4), June Loidi, Paula Arcos (3), Anne Erauskin (1), Shula Gavilán (1) e Cristina Polonio (1).
23) MECALIA ATLÉTICO GUARDÉS (9+14): Marisol Carratú (p.), Míriam Sempere (p.); África Sempere, Sandra Santiago (2), Nazaret Calzado (3), Giselle Menéndez (1), Carolina Silva, Pauli Fernández (1), Cris Cifuentes, Patrícia Lima (6), Estefanía Descalzo, Celia López, Elena Amores (2), Carla Gómez (5), María Sancha (3) e Yaiza Alonso.
MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 3-0, 4-2, 6-3, 8-4, 10-6, 12-9 ( descanso ) 14-12, 17-15, 20-18, 21-20, 23-21 e 25-23.
EQUIPO ARBITRAL: Miquel Florenza e Jordi Ausas. Excluíron con dous minutos a Maitane Etxeberria, June Loidi e Paula Arcos, do Super Amara Bera Bera; e a Giselle Menéndez, do Mecalia Atlético Guardés.
INCIDENCIAS: Partido de semifinais da Copa da Raíña, disputado no pavillón Martín Carpena de Málaga.