- O pavillón da Sangriña acolleu este mércores a Asemblea Xeral Ordinaria para socios e abonados do Club Balonmán Atlético Guardés, unha convocatoria que chegaba para liquidar a incerteza xerada nas últimas semanas pola saída do principal patrocinador e a dimisión do seu presidente.
- A nivel económico, confirmouse un aumento do apoio institucional para a próxima tempada, así como o avance de conversacións cos patrocinadores privados de maior peso; aínda que segue faltando un patrocinador principal, segundo informan desde o club.
O Club Balonmán Atlético Guardés dá un paso en firme cara ao seu futuro e anuncia, como colofón a un incerto final de tempada, boas noticias a nivel organizativo e económico. A Asemblea Xeral Ordinaria de socios e abonados celebrada este mércores deu paso a unha nova etapa na dirección da entidade e informou de importantes avances orzamentarios para a campaña vindeira, segundo informan desde o club miñoto.
Haberá candidatura para a presidencia do Guardés
Na reunión, o expresidente do Club Balonmán Atlético Guardés, Jesús López, anunciou a esperada e positiva noticia da súa substitución. O antigo directivo puido confirmar que un dos socios do Guardés presentouse á presidencia, quen asume automaticamente o cargo ao tratarse da única candidatura. A súa identidade será comunicada o máis axiña posible polas canles de comunicación habituais da entidade, inaugurando así un novo capítulo na historia da organización.

Mentres tanto, o novo presidente dispón agora de 15 días para confeccionar e presentar a súa nova Xunta Directiva, na que, por sorte, tampouco quedará curto de efectivos.
Xunto coa convocatoria desta Asemblea, o club miñoto realizaba un chamado aberto á súa masa social e a súa afección, sinalando que se necesitaba dunha boa cifra de capital humano para formar unha dirección diversa e renovada.
Esta tarde detallouse que hai unhas 14 persoas dispostas a tomar parte nesta nova xestora, na que o propio Jesús López indicou que continuará como vicepresidente ou unha figura de apoio similar para facilitar a transición todo o posible.
Ademais, cóntase tamén con outros dez afeccionados e familiares das atletas que participarán do día a día do traballo organizacional como colaboradores.
Resólvese así unha das máis preocupantes incógnitas coas que o Club Balonmán Atlético Guardés afrontaba o final da tempada 2025/2026, pois a cuestión directiva era a máis perentoria e a que marcaría a continuidade ou non do proxecto de cara ao próximo curso deportivo.
Patrocinios
A segunda problemática, a económica, tamén foi actualizada nesta Asemblea Xeral: o antigo presidente informou os socios de que hai avances nas conversacións cos patrocinadores de máis peso, buscando que aumenten a súa achega, así como con novas empresas que buscan comezar a apoiar o equipo; aínda que queda aínda pendente a procura dun mecenas principal que nome ao proxecto e figure como titular.
Polo demais, confirmouse un necesario incremento na contía achegada polas diferentes institucións públicas.
Así, ante unhas 80 persoas, a entidade miñota esbozou os primeiros pasos dunha nova etapa que encara con dificultades, pero tamén coa ilusión de manter viva a identidade e o compromiso do primeiro campión de Europa de Galicia.





















