- O equipo de Abel González gobernou o partido de principio a fin impoñéndose ao Aula Valladolid neste partido do Summer BAG Experience
- Boas sensacións de Patrícia Lima e Júlia Noz.
O Mecalia Atlético Guardés quitouse a espiña da súa derrota da semana pasada fronte ao Caja Rural Aula Valladolid cun autoritario triunfo (22-30) fronte ao conxunto valisoletano na segunda semifinal do Summer BAG Experience, que este ano se disputa na localidade leonesa de Villacelama polas obras de reforma no pavillón da Sangriña. O equipo miñoto ofreceu un gran nivel, que lle permitiu avanzar á final e loitar polo trofeo.
Iso será o sábado, a partir das 13:30, fronte a Bera Bera. O equipo vasco superou na primeira semifinal ao Benfica (43-29), polo que a reedición da pasada semifinal da Copa da Raíña definirá quen leva o trofeo máis representativo do verán balonmanístico en España.
Para alcanzar esta instancia, o equipo que adestra Abel González ofreceu un nivel moi alto. Sobre todo a partir do seu defensa, no que o tándem catalán formado por Carla Gómez e Júlia Noz outorgou unha gran solidez. A partir de aí, o demais. Bos contraataques do Atlético Guardés e unha fabulosa dirección de Patrícia Lima desde o centro da primeira liña. Carratú achegou na portería e Dani Moreno e Elena Amores desde os extremos. Deste xeito, a escuadra miñota foise ao descanso cunha cómoda vantaxe de cinco goles (10-15).
Na segunda parte, houbo rotacións. Míriam Sempere entrou na portería, María Sancha tivo protagonismo na primeira liña e Giselle Menéndez no extremo. Tamén Cristina Cifuentes e África Sempere, que por momentos formaron un interesante dobre pivote defensivo. Deste xeito, a vantaxe foi aumentando paulatinamente (17-24, minuto 48).
Co partido baixo control, o técnico asturiano dosificou esforzos e permitiu participar ás mozas Aroa Fernández (xuvenil) e Yaiza Alonso -en dinámica do Cañiza de Prata, filial do equipo miñoto este ano-.
Pase á final do Summer BAG Experience
Desta forma e por oito tantos de diferenza (22-30), selou o Mecalia Atlético Guardés o seu pase á final da matinal de mañá sábado. Nela buscará repetir o histórico triunfo copeiro fronte ao equipo guipuscoano e levar o trofeo. Antes, ás 11:00, o terceiro e cuarto posto entre Benfica e Aula Valladolid.