A marca deportiva Legea será a encargada de seguir vestindo ao primeiro equipo e todas as categorías do club con cambio de roupa na nova tempada.
A marca de roupa deportiva italiana Legea será a que continúe vestindo á entidade herculina do Viaxes Amarelle FSF no curso no que o club coruñés regresa á elite do fútbol sala feminino. Tocaba cambio de equipamentos, debido ao fin de ciclo de fabricación do modelo que o club viña usando nas últimas tempadas. O equipo estivo na tenda de Legea Coruña, onde presentaron a nova roupa para as seguintes tempadas.
O Viaxes Amarelle continúa apostando pola cor laranxa como cor dominante nos equipamentos e característico do equipo desde a súa fundación; mentres que como segundo equipamento dá continuidade ao escollido nas últimas tempadas, de cor azul; e as porteiras dispoñen de tres equipamentos en cores negro, branco e violeta.
Roupa de paseo e chándal do Viaxes Amarelle
En canto a roupa de paseo de bermudas e polo, así como o chándal, sudadera e parka seguen unha liña continuista e similar á de anos anteriores con cor negra predominante e detalles laranxas, que destacan como cor principal do Viaxes Amarelle FSF.
Do mesmo xeito que en tempadas anteriores, a liña de vestimenta do primeiro equipo será exactamente para o resto de categorías da entidade; e que debido ao cambio de modelos, débese modificar na presente tempada para todas as categorías.
Explican no Viaxes Amarelle que “un dos puntos principais para seguir confiando en Legea, é a proximidade e as facilidades que ofrecen para que todas as categorías do club, poidan probar na propia tenda as tallas de roupa, e axilizar o traballo de toda a entidade, e evitar erros en tallas”.
Segundo relatan desde a entidade coruñesa “as facilidades postas sempre polo distribuidor, Gedesport Servizos Deportivos SL, da marca de roupa italiana Legea, que conta con dúas tendas na cidade herculina, dúas tendas na cidade de Vigo, unha tenda en Lugo, outra en Tui, e as tendas de Xixón e Oviedo en Asturias; fixeron que o club siga apostando por Legea como patrocinador técnico para todas as categorías da entidade”.