O Raid Gallaecia-AR World Championship 2021 conxugará orientación, aventura, resistencia e moito máis nun escenario incomparable: a Galicia máis salvaxe, que do 2 ao 9 de outubro será escenario do Campionato do Mundo de carreiras de aventura cun percorrido de 630 quilómetros por explorar nas disciplinas de trail, bicicleta de montaña, kaiak de mar e de río, coastering e cordas.
A carreira, que atravesará as provincias da Coruña, Lugo e Ourense e máis de 50 concellos, terá un desnivel positivo de 18.000 metros e alcanzará o seu punto máis alto a 1.758 metros sobre o nivel do mar. O arranque é e Monforte de Lemos e o final, na Coruña, na contorna da Torre de Hércules.
O Raid Gallaecia-AR World Championship 2021, cuxa saída se dará en Monforte de Lemos e cuxa meta estará situada na cidade da Coruña, é a dura proba coa que se pechan as ARWS, a carreira que outorga o título de campión do mundo.
Preto de 400 deportistas no Raid Gallaecia – AR World Championship 2021
Agora mesmo, o ARWC 2021 conta coa inscrición de 94 equipos, o que supón 376 deportistas, procedentes de 21 países: España (35), Francia (13), Suecia (8), Estados Unidos (6), Gran Bretaña e Polonia (4), Colombia e Dinamarca (3), Bélxica, Ecuador, Estonia, República Checa e Rusia (2), Alemaña, Brasil, Finlandia, Irlanda, Israel, Italia, México e Países Baixos (1).
Ademais, como os equipos poden contar cun corredor doutra nacionalidade, a lista de países que estarán representados no Raid Gallaecia-AR World Championship 2021 amplíase até os 27, pois participarán atletas de seis nacións máis: Arxentina, Canadá, Letonia, Nova Zelandia, Suíza e Ucraína.
A participación no Raid Gallaecia-AR World Championship 2021 será de auténtico luxo, pois tomarán a saída 8 dos 10 primeiros clasificados do ranking mundial das Adventure Racing World Series (ARWS).
Unha rica historia
O ARWC é unha competición única. Non son moitos os lugares no mundo que poden presumir de organizar un Campionato do Mundo. E moito menos se se trata do Campionato do Mundo de carreiras de aventuras, disciplina multideportiva moderna pero que xa conta cun percorrido histórico importante e cun gran número de federados e afeccionados.
As orixes deste deporte remóntanse aos anos 60 do século pasado, coa organización da Karrimor International Mountain Marathon (1968, Gran Bretaña) unha carreira de montaña que se disputou por parellas e na que os participantes debían cargar con todo o material necesario para subsistir ao longo de dous días.
O Raid Gauloises (1989, Nova Zelandia) foi a primeira proba que incluíu todos os elementos actuais das carreiras de aventuras tipo expedición: equipos mixtos, varios días de competición e máis de 400 quilómetros combinando as disciplinas de trail, bicicleta de montaña, kaiak, cordas e orientación.
O primeiro Campionato do Mundo de raid de aventuras tivo lugar fai xusto vinte anos, en 2001, e esta será a edición número 17, posto que a proba non se disputou en 2002 nin 2003, en 2019 cancelouse e en 2020 non se puido celebrar debido ás restricións pola pandemia.
Este é o palmarés do AR World Championship:
- Nokia FIN (2001, disputado en Suíza)
- Nike AGC Balance Bar USA (2004, en Canadá)
- Balance Vector NZL (2005, en Nova Zelandia)
- Nike Powerblast USA (2006, en Suecia)
- Nike USA (2007, en Escocia)
- Orion Health NZL (2008, en Brasil)
- Helly Hansen Prunesco GBR (2009, en Portugal)
- Buff Thermocool ESP (2010, en España)
- Thule Adventure Team SWE (2011, en Australia)
- Seagate NZL (2012, en Francia)
- Thule Adventure Team FRA (2013, en Costa Rica)
- Seagate NZL (2014, en Ecuador)
- Seagate NZL (2015, en Brasil)
- Seagate NZL (2016, en Australia)
- Seagate NZL (2017, en Estados Unidos)
- Avaya NZL (2018, en Francia)
Pola súa banda, o Raid Gallaecia naceu en 2013, aínda que viña disputándose con distintas denominacións desde 2005. Tras a edición inicial de 2013, ao ano seguinte foi o Campionato de España da especialidade e en 2015 entrou nas AR World Series co nome de Raid Gallaecia Expedition Series Spain, adquirindo carácter bienal.
Tras as edicións de 2017 e 2019, este ano organizará o AR World Championship, que terá lugar por segunda vez en España. O Bimbache Extrem, en Castela e León, xa tivo a honra de acoller o AR World Championship no noso país en 2010.
Unha das poucas veces que Galicia ten acollido un Mundial
A organización deste Campionato do Mundo é un momento histórico para o deporte galego. Os Campionatos do Mundo de categoría absoluta que se organizaron na nosa comunidade autónoma poden contarse cos dedos das mans:
- Hockey patíns masculino
– A Coruña 1972
– A Coruña 1988
– Pontevedra-Vigo 2009
- Fútbol masculino
– A Coruña e Vigo, subsedes en 1982
- Baloncesto masculino
– Ferrol, subsede en 1986
- Billar a tres bandas
– Lugo 2005
- Dúatlon
– Pontevedra 2014
– Pontevedra 2019
- Tríatlon de longa distancia
– Pontevedra 2019
- Fútbol sala masculino *
– A Coruña, Betanzos, Santiago e Ferrol, en 1987
* A pesar de que no seu momento foi un torneo auspiciado pola FIFA, a día de hoxe a propia federación internacional non o considera entre os Campionatos do Mundo oficiais.