A Real Federación Española de Fútbol acordou coas Federacións Territoriais a asignación definitiva dos recursos garantidos para a implantación do Plan Estratéxico 2021-2025, que permitirá ás Federacións Territoriais dispoñer dos recursos suficientes para cada un dos anos do ‘Plan eVolución’.
Segundo informa a RFGF a dispoñibilidade destes recursos é posible grazas ao ‘Plan eVolución’, que supón destinar en 2021 máis de 35 millóns de euros para o financiamento do Plan Estratéxico das Federacións Territoriais.
Así o anunciaba o presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luís Rubiales, que consideraba ese día como “o máis importante” do seu mandato, e que lembraba que este aumento do financiamento e a homoxeneización da súa repartición era un compromiso persoal desde que foi elixido para o cargo.
Todo iso acométese a través da dotación económica do ‘Plan eVolución’, presentado esta semana aos representantes das federacións territoriais, entre eles o presidente da RFGF, Rafael Louzán, despois de meses de intenso traballo de elaboración e definición. Un plan mediante o cal, en palabras de Rubiales, “dáse resposta a unha desigualdade histórica”, e acométese un incremento do financiamento estratéxico das federacións territoriais.
Ese incremento levouse a cabo a través de catro accións, que inclúen desde a amortización dos préstamos pendentes pola construción de sedes, ata bolsas de financiamento por conceptos relacionados coa dixitalización ou a mellora competitiva.
O ‘Plan eVolución’ ten presentes as especifidades das federacións
Nese proceso, as distintas federacións corrixiron as súas desigualdades na repartición de fondos que viña realizando en anos anteriores. O ‘Plan eVolución’ ten en conta a especificidade das federacións de Ceuta e Melilla, como cidades autónomas, e de Canarias e Baleares, pola súa condición insular, apostándose por iso por un incremento relativo da asignación superior ao doutras federacións.
O ‘Plan eVolución’ da RFEF, destacou Luís Rubiales, non especula cunha proxección a futuro: “Van repartir nos próximos anos uns fondos que xa están garantidos en 2021, grazas ao esforzo levado a cabo nos dous últimos exercicios para lograr un importante aforro”. “Chégase ata 2025 con este plan, pero non se hipoteca o futuro”, subliñou.