O roller derby galego únese no Team Galiza, un equipo de patinadoras galegas que forman este equipo para competir na liga nacional ARDE – WFTDA.
A competición estatal dará comezo este mes de xaneiro e nel as galegas buscan acadar a mellor puntuación posible. En total, 14 conxuntos participarán nesta liga, con grupos procedentes de Asturias, País Vasco, Navarra, La Rioja, Cataluña, Comunidade Valenciana, Andalucía, Castela e León, Extremadura, Madrid, Murcia, Canarias e, por suposto, Galicia.
Unha liga autoxestionada polas deportistas
Esta competición de roller derby onde participará o Team Galiza está organizada e autoxestionada polas propias xogadoras. Segundo apunta o club de As Brigantias, esta liga segue o espírito do roller derby “dende as patinadoras, para as patinadoras”.
A Asociación de Roller Derby de España (ARDE), formada por máis de 30 equipos de todo o territorio español, traballa para a Womens Flat Track Derby Association (WFTDA), o máximo órgano rector do roller derby a nivel mundial, a través do cal todos os equipos do mundo se manteñen en contacto dando forma ao roller derby que desexan xogar (normas, regras, competicións, etc).
As Brigantias sinalan que coas dificultades derivadas da pandemia, a metade das 30 ligas nacionais non puideron competir como xa se fixera nas pasadas tres edicións. Para esta nova tempada espérase unha recuperación completa das competicións, apuntan.
Nesta primeira fase, o Team Galiza competirá contra Insubmises Roller Derby Reus, La Güesta Roller Derby Asturies e Destroyer Kinkis de Cáceres e Salamanca. O 15 de maio coñeceranse os equipos que pasan á fase final.
As Brigantias abren as súas portas
Así mesmo, o club de As Brigantias organizará o 12 e o 19 de xaneiro unhas xornadas de portas abertas na Coruña, para achegar o roller derby a todas as persoas interesadas en coñecelo e iniciarse nel.
A actividade, que inclúe unha explicación con demostración da modalidade e práctica para quenes o desexen, desenvolverase no polideportivo Monte das Moas entre as 20:00 e as 22:00 horas. A entrada é de balde e será necesario contactar co equipo para solicitar o material necesario.
As persoas interesadas poden escribir ao correo electrónico uneteasbrigantias@gmail.com.