O Campionato de España de Clubs celebrase nesta fin de semana, entre o 28 e o 30 de maio, na localidade cántabra de Torrelavega. Alí acudirá unha representación de karatekas da Federación Galega de Karate para competir nas modalidades de probas técnicas por equipos, kata por equipos e kumite por equipos.
Ruth Lorenzo Couso, do Club San Francisco Teo, competirá en kumite por equipos co Club Gankaku das Canarias, mentres que Xavier Santos Veiga o fará co Ximnasio Lino asturiano.
Tamén competirán karatekas da Escola Deportiva Shihan, malia facelo con clubs doutras federacións autonómicas. Así, por parte da Shihan, Noa Ulloa Vázquez e Uxía Folgueira González participarán en kumite por equipos co Club Kime cántabro.
En total, 1.200 deportistas reuniránse no pavillón Habana Vieja, das cales dúas galegas pertencen ao Club River Stone, do Barco de Valdeorras. Tanto Ana Moral Castro, como Cloe Yáñez González participarán na modalidade de kata por equipos.
A representación galega complétase coa participación como árbitros de José Ignacio Muñoz Pérez e David Vázquez González.
Seguindo as medidas de seguridade sanitaria, a competición celebrarase sen público nas bancadas, pero poderá seguirse en directo vía streaming no Youtube da Real Federación Española de Karate.