Durante a fin de semana do 21 e 22 de novembro, Cádiz acolleu ás mellores halteras menores de 17 anos do país para o Campeonato de España sub15 e sub17. Nesta cita deportiva participaron 22 halteras galegas e galegos. En concreto, en categoría feminina tomaron parte 12 rapazas. Estas halterófilas galegas sumaron un total de 35 medallas, 16 delas en sub15 e 19 en sub17. Ademais, Amy Abelleira estableceu dous récords na competición para menores de 15 anos na categoría de 71 quilos. Abelleira levantou 65 quilos na modalidade de arrancada e 143 no total olímpico.
En total, participaron nesta edición do campionato estatal de halterofilia, 50 deportistas masculinos e 50 femininas, cumprindo así co protocolo COVID-19 que limitaba o acceso. Soamente se clasificaron para este torneo os mellores halteras dos ránkings dos seus pesos, tras os campionatos autonómicos celebrados o 10 de outubro, que serviron como fase previa. Os homes iniciaron o campionato de España o sábado e o domingo foi o turno das mulleres.
A federación galega, ouro na categoría feminina sub17
As deportistas da Federación Gallega de Halterofilia triunfaron en todas as categorías dos dous campionatos. Dentro do ránking de federacións de cada modalidade Galicia quedou en segunda posición en todas agás na feminina sub17, onde conseguiu facerse merecedora do ouro.
Con máis dunha veintena de halteras, Galicia foi quen de sumar un total de 59 medallas. O reparto de metais galegos no global da competición foi: 17 ouros, 23 pratas e 19 bronces.
No campionato sub15 feminino, as competidoras sumaron ata 16 medallas. En concreto, na categoría de 40 quilos, Lucía López acadou triple prata en arrancada, dous tempos e no total olímpico. Na categoría de 49 quilos, Carol Abeleira logrou unha prata en dous tempos, levantando 59 quilos, pero acadaou só unha cuarta posición en arrancada e no total olímpico.
Nestas dúas probas, pero competindo en 55 quilos, Vega García sumou dous ouros, que se engaden á prata que a deportista galega conseguida en dous tempos. Na mesma categoría de peso (55 kg), Laura Martínez logrou un triple bronce. Finalmente, tanto Amy Abelleira como Paula Canedo lograrían un triple ouro cada unha, a primeira delas en 71 quilos e a segunda en 76 quilos.
Pero os maiores éxitos chegarían na categoría feminina para a idade sub17. Lucía López repetiu as tres pratas acadadas en sub15, e Carol Abeleira a súa prata e dúas cuartas posicións. Pola súa parte, Ruth Fuentefría tamén sumou tres medallas en 45 quilos, cun bronce en dous tempos e prata en arrancada e total olímpico.
Jennifer Tocuyo conseguiu unha cuarta posición en arrancada, levantando 45 quilos e quinta en dous tempos, levantando 57, e total olímpico, con 102. En 55 quilos, Vega García logrou dous ouros e unha prata e, na mesma categoría, Laura Martínez asinou unha triple cuarta praza.
Dariana Arancibia, competindo en 59 quilos, logrou un quinto posto en arrancada e cuarto en dous tempos e total olímpico. Na categoría de 64 kilos, Ariadna Ayala logrou dúas sétimas prazas e unha sexta, mentres que Carla Cid soamente participou en arrancada, levantando 45 quilos. En sub17, os resultados de Amy Abelleira outorgáronlle un triple bronce.
Entre as 12 halterófilas que competiron, destacaron os triples ouros que acadaron as galegas Paula Canedo e María Fernández, en 76 quilos e máis de 81 quilos respectivamente, ambas as dúas deportistas pertencen ao Club Halterofilia Coruña. O total de metais foi de 19 entre as 12 deportistas.
Este club, adestrado por Ferenc Szabor, foi o que máis deportistas aportou ás filas galegas, cun total de 17 halteras. Seguíronna catro do CH Pabellón e unha do Club Halterofilia Vigo. Galicia foi a autonomía que máis representantes tivo neste campionato estatal.