O roller derby volveu á competición coas Brigantias vencendo no encontro ante o Roller Derby Badalona por un 127-98.
As limitacións establecidas por mor da pandemia de COVID-19 impediron que as patinadoras adestrasen con regularidade ou participasen en campionatos.
Porén, a luz viuse ao final do túnel este domingo, 11 de xullo, coa celebración do encontro das galegas das Brigantias Roller Derby e as catalás de Badalona. A cita tivo lugar no polideportivo de Trinitat Vella.
Dominio das Brigantias
Segundo informa o propio club, As Brigantias arrasaron na pista sen lugar a dúbidas, conseguindo manter unha diferenza de 20 puntos ao longo do partido.
Este encontro foi a estrea de moitas xogadoras a ambos bandos da pista, e malia ser unha xornada marcada polas altas temperaturas e o protocolo COVID, todas as participantes demostraron “a forza e adrenalina característicos do deporte”.
En palabras do equipo “o emotivo encontro trae esperanza a todo o colectivo de roller derby coa posibilidade de futuras competicións e a volta á pista plana como levan desexando ano e medio”.