O regreso á Liga Guerreras Iberdrola saldouse cunha bagaxe ben diferente para Mecalia Atlético Guardés e Conservas Orbe Rubensa Porriño. O conxunto miñoto mantén o seu idilio coa Sangriña neste 2022 cunha nova vitoria mentras que a escadra do Baixo Miño non foi quen de rematar a faena na casa do segundo clasificado.
Ámbolos dous encontros se decidiron na segunda metade dos mesmos, cun combativo Guardés que non deu marxe ao cadro ilicitano remontando unha desvantaxe de catro tantos nas postrimerias do encontro e cun Porriño que non puido aguantar o arreón final das xixonesas e acabou sucumbindo ante un dos equipos máis en forma do campionato.
O Guardés non cede na Sangriña
As xogadoras adestradas por Abel González, que actuou novamente como primeiro adestrador en ausencia de José Ignacio Prades, asinaron un inicio de encontro de gran nivel asestando un parcial inicial de 6-2, con Gabriela Pessoa ao mando ofensivo do conxunto de negro e amarelo.
Logo da boa carta de presentación do conxunto miñoto, o colectivo ilicitano reaccionou. A base de subir o nivel defensivo e da produción de Nicole Morais na portería, a escadra franxiverde foi recortando distancias ata quedar a un só tanto (12-11) cando o bocinazo do marcador electrónico da Sangriña decretou o remate do primeiro tempo.
Logo da saída de vestiarios, a tendencia acentuouse. A formación dirixida por Joaquín Rocamora devolveulle o parcial inicial ao Guardés cun 2-7, que puxo as levantinas con catro tantos de vantaxe, poñéndolle as cousas moi costa arriba ás xogadoras do Baixo Miño.

Malia o 15-19 que reflictía o marcador aos 9 minutos da segunda parte, o conxunto local púxose mans á obra e da man dunha antolóxica, Marisol Carratú, quen con varias intervencións de mérito, incluído un penalti á ex capitana do conxunto miñoto, África Sempere, liderou a defensa dun Guardés que deixou en branco ás ilicitanas durante 13 minutos.
Tras a mellora defensiva, e a aportación ofensiva, liderada por Gabriela Pessoa e os seus oito tantos, os dous puntos ficaron finalmente nunha Sangriña que segue inexpugnable e que afianza ao Guardés nos postos nobles da táboa.
🥳 Sí, sí, sí! A Sangriña segue invicta en 2022.
👏 Impresionante remontada na segunda metade.
🏆 @IberdrolaDHF
📆 Xornada 16
🤾♀️ @Atlguardes_ofic 🆚 @cbm_elche
🔥 A Sangriña
⏱️ 60′
🔢 25-21
📷 @Coex_go pic.twitter.com/OoCdLnxhbY— Mecalia Atlético Guardés (@Atlguardes_ofic) February 26, 2022
O Porriño cae con honra en Xixón
Logo do parón polos casos de coronavirus previos ao derbi, o BM Porriño regresaba á competición enfrontándose nada máis e nada menos que ao Unicaja Banco Xixón, un dos equipos máis en forma da actualidade e segundo clasificado da Liga.
Os primeiros cinco minutos caracterizaronse polo seu alto ritmo de partido, cun Unicaja cunha vantaxe de 3-2, pero cun Conservas Orbe Rubensa Porriño que estaba a saber manter o nivel.
Ao cuarto de hora de contenda, as galegas conseguían manterse por riba no electrónico durante varios minutos, mais o conxunto asturiano deulle a volta ao electrónico para poñelo de novo ao seu favor.
Chegou o final do primeiro tempo co Conservas Orbe Rubensa Porriño foise un gol por debaixo (15-14) con Micaela Casasola e Érica Tavares como grandes protagonistas na faceta goleadora das galegas.

As galegas comezaron a segunda parte cunha gran resposta defensiva, mais on todo, parecía que as porriñesas non eran aínda quen de meterlle man ás locais. Deste xeito, no primeiro parcial, o resultado continuaba a favor do Unicaja Banco Gijón, cun 18-15.
Ambos equipos continuaban propoñendo ataques longos e pausados , provocando que os minutos pasaran sen que o Conservas Orbe Rubensa Porriño conseguise igualar o marcador. Chegado o ecuador deste segundo tempo, o resultado mantíñase favorable ás locais, que estaban a aproveitar a mala dinámica das galegas.
A falta de dez minutos para a conclusión, o Unicaja tiña todo ao seu favor logo dun gran parcial de 4-2, e deste xeito, chegou o final do encontro con vitoria local por 30-24.
Final do partido, o noso equipo fixo unha gran primeira parte pero non puideron coas locais no segundo tempo ‼️@CBLaCalzada 30🆚Conservas Orbe Rubensa Bm Porriño 24
📷Unicaja Banco Gijón #LigaGuerrerasIberdrola pic.twitter.com/F7FnMqiUvX
— Club Balonmano Porriño (@BmPorrino) February 26, 2022