Unha semana máis as xogadoras do CB Arxil suman unha derrota que impide que se alonxen da parte baixa da táboa. Desta vez, o partido perdeuse contra un rival recentemente ascendido á categoría e que se está mantendo na parte media da clasificación, o Vega Adareva Lagunera Tenerife.
As canarias chegaban ao encontro cun punto máis que as galegas, tras cinco derrotas e dúas vitorias. Agora, tras gañarlle ao Arxil, o Tenerife suma nove puntos, a só dous do terceiro clasificado. Pola súa banda, o equipo pontevedrés queda na décima posición, con oito puntos tras seis partidos disputados.
Os primeiros minutos facían prever un encontro igualado. A primeira prate foi un vaivén de puntos constante, pero que outorgaba unha lixeira vantaxe ao equipo local de tres puntos ao filo do descanso.
Todo cambiou á volta da pausa, cando as xogadoras de Maite Méndez víronse superadas polo equipo visitante. Os erros das galegas permitiron que o Tenerife tomara a inciativa e se adiantara no marcador, asinando un terceiro cuarto cun 11-24.
O Arxil seguiu loitando polo partido, pero nin o bo xogo de María Lago, Margarita Moreira ou Bineta Ndoye foi suficiente. As visitantes souberon reaccionar e lograron levarse o duelo cunha diferenza de dez puntos.
O partido en canto a puntos marcados foi indiscutiblemente da xogadora canaria Alba Pascual, que anotou 32 puntos e logrou 39 créditos de valoración que a levaron a sera MVP do partido.
FICHA TÉCNICA
57) CB ARXIL: Carla Fernández (3), Noelía Masía (4), M. Lago (12), Heather Forster (3), Bineta Ndoye (13) -cinco inicial-. Tamén xogaron: Aldara Vázquez (-), Cristina Díaz (-), Margarita Moreira (12), Natalia López (7) e Sara Castro (3).
67) VEGA LAGUNERA ADAREVA TENERIFE: Alima Dembele (16), Sendy Basaez (5), Isabel Martínez-Vara (2), Alba Pascual (32), Yamile Rodríguez (2) -cinco inicial-. Tamén xogaron: Noelia Ibañez (5), María Luque (5), Marina González (-), Laura Ilunga (5) e Ainhoa Negrín (-).
PARCIAIS: 13-14, 15-11, 11-24 e 18-18.
ÁRBITROS: Romina Marchiano e Álvaro Cubero.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á oitava xornada da Liga Feminina 2 disputado no pavillón do CGTD (Estadio de la Juventud) de Pontevedra.