A galega Aroa Otero segue como líder da Copa de España XCO Cofidis en categoría cadete. A ciclista do Supermercados Froiz reforzou o seu liderado cunha vitoria na proba de Alpedrete.
Tamén subiu ao podio, desta vez júnior, a súa compañeira de equipo Uxía Soto. A deportista foi prata na segunda xornada da competición. Outra das medallas galegas foi para Tomás Pombro, do Cambre Caeiro, cunha prata cadete. A representación autonómica acumulou outros seis postos de top-10 no Gran Premio X-Sauce.
Otero segue sen rival
Vestindo a camisola de líder tras impoñerse na apertura da Copa en Valladolid, o triunfo da porriñesa Aroa Otero resultou incontestable nun circuíto moi técnico. A cadete do Supermercados Froiz, cun tempo de 50:14, venceu por 1 minuto e 25 segundos de marxe respecto a Silvia Cuatrecasas (Artsports).
Nesta carreira, segundo apunta a Federación Galega, a piques estivo de lograr un segundo podio para a formación alimenticia Marta Estévez, cuarta, a só 19″ da terceira clasificada Alba Fernández (Manuela Fundación). Iris Fernández (Academia Postal – Maceda) rematou en novena posición.
O Cross Country Olímpico galego aspira a conquistar os dous títulos cadetes, tendo como candidato na categoría masculina a Tomás Pombo. Terceiro en Valladolid, o biker do Cambre-Caeiro subiu un chanzo en Alpedrete.
O terceiro podio autonómico rubricouno Uxía Soto. A júnior do Supermercados Froiz, sexta á conclusión da primeira das tres voltas, foi de menos a máis e cruzou a liña de meta segunda, a 51″ de Carla Pérez (Ciclos Sabater), un resultado que permite á ponteareá ascender á quinta praza da xeral. Vania Rico (Kross Team) completou o caixón e Sarela Conde (Academia Postal – Maceda) meteuse novena.
Lois, quinta na proba raíña
Sen a participación de Pablo Rodríguez e de Iván Feijoo, a principal baza do noso XCO nas probas raíñas era Lara Lois (Moto Bike). A grovense volveu facer gala da súa regularidade e clasificouse quinta, terceira elite, conservando a terceira praza na xeral. O outro posto entre os dez primeiros da representación galega rubricouno Manuel Castro (Toxo), sexto nos máster-50.
A próxima proba da Copa de España XCO Cofidis 2022 disputarase en Sabiñánigo (Huesca) o 1 de maio e a vindeira fin de semana porase en marcha en Ferrol a Copa Galicia desta modalidade.