O domingo non haberá final galega en Málaga. O Ourense Envialia perdeu [(6)3 – 3(7)] a semifinal do play-off contra o AD Alcorcón FSF despois de remontar tres goles en contra, e serán as madrileñas as que loiten polo título de Primeira División Feminina de fútbol sala contra o Rubén Pescados Burela FS.
A primeira ocasión clara do encontro viría dunha perda no medio campo das visitantes, que propiciou un dous para un das galegas, pero Candela e Sara Santos non se entenderon ben e desperdiciaron a oportunidade de poñerse por diante no electrónico. Un marcador que se estrearía no minuto 5, cando Ballesteros aproveitou un rexeite no borde da área e colocou a pelota na escuadra.
No minuto 7, despois dunha ocasión de Sara Moreno que atallou moi ben Estela, Vane Sotelo recibiu un balón de costas a portería, xirouse para irse da súa marca e bateu á porteira ourensá. Poñíase o partido moi costa arriba para o conxunto galego, que xa cometera a quinta falta pouco despois do primeiro gol.
No minuto 10, Estela Cantero tivo un man a man contra Vane, pero a gardameta reaccionou ben e evitou o 0-3. Un terceiro gol que finalmente puxo no electrónico Vane Sotelo, tras unha gran xogada pola banda de Ballesteros no minuto 12.
A 24 segundos de chegar ao tempo de lecer, o Ourense volveu a engancharse ao partido grazas a súa porteira Vane, quen cun tiro dende o seu campo sorprendeu a Estela e anotou o 1-3.
O gol do Envialia antes do descanso insuflou moral ás xogadoras
As galegas saíron moito máis enchufadas dos vestiarios, coa premisa do seu adestrador de presionar a saída de balón do Alcorcón cun dous para dous. No minuto 24, Aida puido marca o cuarto gol das amarelas, pero o balón estreouse no traveseiro.
No minuto 29, Sara Moreno marcou unha falta que ela mesma provocara ao borde da área, colocando ao Ourense a só un gol do equipo madrileño. Un minuto despois, sería de novo a capitá quen, tras un pase dende a banda de María, batía a Estela para empatar o partido.
Nesta segunda metade, o xogo de ambos equipo estivo moito máis igualado e a superioridade física que as xogadoras do Alcorcón demostraran nos primeiros 20 minutos comezou a disiparse. O esgotamento foise notando en ambos conxuntos e nos últimos intres os dous foron moi conservadores. O marcador mantívose en táboas ao final do tempo regulamentario, polo que o pase a final pasou a xogar nas prórrogas.
Seis minutos de tempo engadido nos que a ocasión máis clara a tivo Candela para o Ourense Envialia, pero non chegou rematar un rexeite da gardaredes madrileña a tiro de Marta. Finalmente, todo se decidiría nos tres metros.
As ourensás tiveron o paso á final nas súas mans tras a parada de Vane ao penalti de Paula Llorente, quen non xogara nin un só minuto no partido, pero Estela fixo o propio ao tiro de Sara Santos. Despois dunha tanda de 18 penaltis, sería a dobre goleadora no encontro e capitá, Sara Moreno, quen erraría o tiro definitivo.
FICHA TÉCNICA
OURENSE ENVIALIA: Vane; Laura Doce, Marta, Laura Uña e Sara Moreno (quinteto inicial). Tamén xogaron, Chiki, Judith, María, Candela, Iraia e Sara Santos.
AD ALCORCÓN FSF: Estela García; Aida de Miguel, Irene Samper, Vane Sotelo e Carmen Alonso (quinteto inicial). Tamén xogaron Estela Cantero, Ballesteros, Nere Moldes e Cyn Romano.
GOLES:
0-1, min. 5 Ballesteros
0-2, min. 7 Vane Sotelo
0-3, min. 12 Vane Sotelo
1-3, min. 19 Vane
2-3, min. 29 Sara Moreno
3-3, min. 30 Sara Moreno
PENALTIS:
0 – 1 Vane Sotelo
1 – 1 Laura Uña
1 – 2 Irene Moldes
1 – 2 Marta (parada de Estela)
1 – 2 Aida (parada de Vane)
2 – 2 Judith
2 – 2 Paula Llorente (parada de Vane)
2 – 2 Sara Santos (parada de Estela)
2 – 3 Ballesteros
3 – 3 Candela
3 – 4 Pipi
4 – 4 Chiki
4 – 5 Carmen Alonso
5 – 5 Laura Doce
5 – 6 Irene Samper
6 – 6 Iraia
6 – 7 Estela Romero
6 – 7 Sara Moreno (ao pau)
COLEXIADOS: Alonso Montesinos e Santander Flamarique, do comité aragonés. Viu o cartón amarelo Carmen Alonso polo AD Alcorcón FSF e se retirou lesionada Cyn Romano polo equipo madrileño.
INCIDENCIAS: Palacio de Deportes José María Martín Carpena. A porta pechada.