De ir gañando un partido a rematar perdéndoo so vai un pouco máis unha hora de xogo. No minuto 35 da primeira parte o Dépor ABANCA adiantábase no marcador electrónico da Ciutat Esportiva Joan Gamper cun gol de María Ruiz. Xusto antes de ir ao descanso as culés devolvían as táboas ao marcador a través de Rocío García. E con catro minutos de tempo engadido o FC Barcelona B anotaba o 2-1 que lle daba a volta a todo e deixaba os tres puntos en terras catalás. O tanto da vitoria blaugrana foi de Ranera nunha acción balón parado. Impotencia e frustración.
As branquiazuis arrancaron cumprindo á perfección a consigna de presionar alto, o que produciu numerosos achegamentos nos primeiros minutos. Houbo ocasións para Adule e Ainhoa Marín, pero o gol non chegaba.
Houbo que esperar a ir camiño do minuto 19 para ver unha ocasión clara culé que ademais, foi propiciado por un rexeite en curto da xogadora deportivista Patri López.
Tras minutos de control do xogo, o Dépor ABANCA conseguía ver porta no minuto 35 de partido. Foi cun pase interior de Cris Martínez para Jone Ibáñez que tocou o xusto para deixarlle a bóla perfecta a unha María Ruiz, que entraba desde atrás e batía a Meri Muñoz anotando o 0-1.
Acendeuselle a bombilla ao FC Barcelona B que, vendo perigar o resultado, púxose á faena pico pala ata que, no 44, Rocío García anotaba un golazo. Un fortísimo tiro desde 20 metros co que batía a Ana Valles.
Á volta de vestiarios, na segunda metade, non houbo moitos cambios no xogo. Alternancias na posesión para Dépor ABANCA e Barça B e un partido sen ocasións. A que desequilibraría o marcador chegou no tempo engadido. Cando máis doe. Superados os 90 minutos regulamentarios e con catro xogados xa a maiores, o FC Barcelona B dispuxo dunha falta lateral que Ranera, a pase de Esther Laborde, converteu en gol (2-1).
O Dépor ABANCA traballa mañá domingo en Abegondo
Miguel Llorente citou ás xogadoras do Dépor ABANCA mañá, domingo 13 de marzo, ás 11:30 horas na Cidade Deportiva de Abegondo. Segundo informa o club coruñés “haberá recuperación para as titulares esta tarde en Barcelona e intensidade para o resto do cadro. O luns 14 haberá xornada de descanso”.
A próxima fin de semana, o Dépor ABANCA recibe en Abegondo ao Racing Féminas, en partido correspondente á 21ª xornada no grupo norte da Liga Reto Iberdrola.
FICHA TÉCNICA
2) FC BARCELONA B: Meri Muñoz, Martina Fernández (Berta Doltra, min. 77), María Molina (Adri Ranera, min. 46), Esther Laborde, Clara Rodríguez, Alba Caño, Julia Bartel, Ari Mingueza (Claudia Riumalló, min. 55), Ornella Vignola (María Pérez, min. 46), Rocío García e Nina Pou (Sara Ismael, min. 77).
1) RC DEPORTIVO ABANCA: Ana Valles, Patri López, Inés Altamira, Raquel García, Cris, Carlota, Jone Ibáñez, Ainhoa Marín, María Ruiz, Tati (Noela Sánchez, min. 86) e Adule (Laura Fernández, min. 61).
GOLES: 0-1 María Ruiz (min. 35); 1-1 Rocío García (min. 44); 2-1 Ranera (min. 90+4).
ÁRTIBRA: Ariadna García López (c. catalán). Cartón amarelo a Ana Valles (min. 37), Claudia Riumalló (min. 72), Esther Laborde (min. 74), Cris (min. 84) e ao segundo adestrador do Barcelona B, Pol Grau (min. 90+1).
INCIDENCIAS: Partido da 20ª xornada do grupo Norte da Liga Reto Iberdrola disputado no Campo 8 da Ciutat Esportiva Joan Gamper.