A xogadora, de 1,80 metros e 29 anos, é unha fixa da selección do seu país desde o ano 2010 e tratará de aportar a súa experiencia para axudar ao conxunto ferrolán a acadar o ascenso á máxima categoría.
Andrea Boquete xa xogou en España nas filas do Bembibre, en Liga 2, e na Liga Feminina 1, nas filas do Cadi A Seu. A pasada campaña estivo no Patacas Hijolusa de León, sendo unha das xogadoras máis destacadas da competición, cunha valoración media de 19,6, con 17,6 puntos e 8,2 rebotes. Ademais, logrou o récord de valoración nun partido con 46.
Para Andrea Boquete, a fichaxe polo Baxi Ferrol é un fermoso reto
A arxentina destaca sobre a súa fichaxe co BAXI Ferrol que é un club cunha traxectoria incrible que sempre tivo proxectos interesantes. “Captou a miña atención desde un principio. Estou moi agradecida de que se fixaran en min para que fose parte deste gran equipo”, afirma a alero.
En canto ao que espera achegar na nova tempada, Andrea Boquete manifesta: “Quero achegarlle ao equipo toda a miña experiencia e poder transmitir tranquilidade e seguridade dentro da pista. Quero dar o máximo como xogadora e como persoa. Desexo seguir crecendo e estou segura de que estou no lugar correcto”.
Andrea Boquete, xogadora do Baxi Ferrol: “Quero gozar do camiño e facer todo o que se me pida”.
Polo que se refire ao cambio de obxectivo con respecto ao que tiña a pasada campaña no club leonés, a alero internacional comenta que “cada club ten as súas aspiracións e as súas metas. Fichar no BAXI Ferrol é un fermoso reto. Quero gozar do camiño e facer todo o que se me pida”.
O Baxi Ferrol segue reforzándose de cara á proxima tempada
Andrea convértese na quinta xogadora confirmada polo BAXI Ferrol para a próxima campaña, despois das renovacións de Patri Cabrera, Natalia Rodríguez e Sune Swart e da fichaxe de Irene Garí.