- Ana Seabra era, ata o de agora, a segunda adestradora, do Mecalia Atlético Guardés e toma as rendas do equipo apoiada polo preparador físico Joao Mesquita.
- É o primeiro cesamento dun técnico nas dez tempadas e media que a entidade leva en División de Honra, segundo informan desde o club galego.
A directiva do Mecalia Atlético Guardés decidiu que Abel González deixe de ser o adestrador do primeiro equipo con efecto inmediato. A entidade agradece “ao técnico asturiano a súa intachable profesionalidade, a súa bonhomía e amabilidade, así como a súa intensa dedicación e as toneladas de esforzo que lle meteu ao seu labor nestes meses á fronte do grupo”.
“Lamentablemente, os resultados non acompañaron ao traballo e a xunta directiva viuse forzada a tomar unha decisión dura e tamén inédita. E é que, nos dez anos e medio que o Mecalia Atlético Guardés acumula na División de Honra, esta é a primeira destitución dun adestrador do primeiro equipo que leva a cabo”, explican desde o club miñoto.
Desta forma, Abel González conclúe así unha segunda etapa nun club do que foi partícipe directo dos éxitos. Como segundo adestrador de José Ignacio Prades foi campión de Liga en 2017 e subcampión de Copa o ano pasado. Tras asumir o cargo de primeiro, tivo que lidar coa enorme dificultade de non contar coa Sangriña ata decembro e ter que xogar oito dos once partidos da primeira volta a domicilio.
Ana Seabra debutará no banco ante un equipo no que xogou sete anos
A directiva decidiu que preparadora Ana Seabra tome as rendas do grupo. A adestradora portuguesa, ata o momento segunda de Abel González, pasa á fronte apoiada por Joao Mesquita, preparador físico do equipo.
A nova adestradora do Guardés, Ana Seabra, debutará no partido de ida dos cuartos de final da Copa Europea na cidade portuguesa de Funchal, fronte ao Madeira Andebol, club no que militou sete anos na súa época como xogadora.
Ana Seabra naceu na localidade francesa de Montpellier o 31 de xullo de 1977, pero criouse na cidade de Águeda. Como xogadora esta adestradora é unha lenda en Portugal. É a muller que máis partidos internacionais xogou coa Seleçao (176), á que capitaneou moitos anos e coa que participou no Europeo de 2008, unha das cotas do balonmán luso feminino. Ademais, gañou 11 títulos de Liga en Portugal, 9 Taças e 8 Supertaças.
Agora asume o reto de poñerse á fronte do banco do Mecalia Atlético Guardés na Liga Guerreras Iberdrola da RFEBM, máxima categoría do balonmán feminino español.
Logo de 13 xornadas disputadas o Mecalia Atlético Guardés ocupa a novena posición con nove puntos no seu casilleiro suma catro partidos gañados, un empatado e oito perdidos na competición ligueira. As galegas están a competir tamén na European Cup.