Doce debut por partida dobre na Copa Galicia de Maratón, organizada polo Ourense Termal Clube Ciclista. Na súa estrea no calendario, o XCM Audi Selection Plus-Concello de Piñor contou con Ana González Cuña (Mitto X-Sauce Team), vencedora na táboa absoluta feminina, como madriña. Como padriño estivo un corredor que tamén se bautizaba no certame autonómico dos fondistas, Iván Feijoo (BH Templo Cafés UCC) dominou a proba.
A terceira e penúltima cita da Copa Galicia de Maratón, sacada adiante nun tempo récord e de xeito moi satisfactorio, presentou como desafío dúas voltas a un circuíto de 36 quilómetros. Neste percorrido de moitos sendeiros de sobe e baixa, e cun longo descenso despois da última subida, acumulábanse 1900 metros de desnivel positivo. Á maioría das e dos bikers agradoulles a dificultade técnica media dunha ruta con moitas pedras, o que obrigou a prestar a máxima atención para non cometer erros.
A proba feminina na Copa Galicia de Maratón
A competición feminina arrancou marcada pola baixa de Susana Alonso (Extol). A líder destacada da clasificación elite aínda non está recuperada da súa caída no Open de España de Ávila. Sen a mosense, a máster-40 Ana González Cuña tomou o mando dende o principio e conseguiu unha clara vitoria. A porriñesa do Mitto X-Sauce, cun rexistro de 4:30:28, avantaxou en 10 minutos e 45 segundos á elite Mar Delgado (Monteneme).
A terceira praza scratch ocupouna Rebeca Muñoz (Ribadumia), líder máster-40 e agora tamén da táboa absoluta. Cuarta clasificouse a elite Desiree Fernández (Rsbike) e Sofía da Silva (Mosqueteiros), dominadora do ranking máster-30, rematou quinta.
A primeira edición desta Copa Galicia de Maratón na provincia de Ourense baixou o pano coa cerimonia de podio na que o alcalde de Piñor, José Luis González Rodríguez, xunto ao concelleiro de Deportes, Manuel Diéguez Guerra, e o representante de Audi Selection Plus (Apersa), Martín Manso, encargáronse de entregar os premios e as camisolas da Copa. Pola mañá, no corte de cinta, estivo presente Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo. O certame autonómico de Cross Country Maratón concluirá o vindeiro domingo en Carballo coa disputa da XVIII Marcha Costa da Morte.