Esta fin de semana o Concello de Ames concentrará as miradas de boa parte da actividade atlética federada, máis en concreto da modalidade de marcha en ruta. No concello coruñés vaise disputar o Campionato Xunta de Galicia de Marcha en Ruta o domingo 5 de febreiro. A competición contará coas categorías Sub-10, Sub-12, Sub-14, Sub-16 e absoluta
O trazado urbano deseñado para este Campionato Xunta de Galicia de marcha en ruta que acolle o Concello de Ames, estará reservado para o tránsito de deportistas. As primeiras probas desta cita autonómica darán comezo o domingo ás 10.45 horas para a categoría Sub-12 e que se irán desenvolvendo por espazo de dúas horas ata a última das sáidas que será a dos absolutos, segundo informa a Federación Galega de Atletismo.
Ausencia dos irmáns Chamosa
Neste campionato, e ante a ausencia dos irmáns Chamosa, será a internacional e campioa de Galicia absoluta Carmen Escaríz, do Ourense Atletismo, e o campión mundial máster Juan Manuel Morales, do Marineda, quenes centren toda a atención. Ambos parten como claros favoritos para estar no máis alto do podio neste campionato autonómico.
Outros dos marchadores importantes que estarán sobre o circuíto do Concello de Ames serán os campións galegos da edición pasada Tomás Bautista do Atletismo Porriño na Sub-14, así como Andrés González, do Real Club Celta, e Pablo Sánchez, da Atlética Lucense, gañadores en A Pobra nas categorías Sub-16 e Sub-18 respectivamente.
Na categoría máster estarán defendendo título a marchadora Emilia Rodríguez, do Trega, na F45 e María Soledad Pousa, do Ourense Atletismo, na F50. Por parte másculina tamén estará presente o medallista nacional Manuel Polo, do Atletismo Narón, na M45.
Blas García: “Animamos á veciñanza de Ames a que saia a ver a proba”
Na presentación da proba, o alcalde do Concello de Ames, Blas García, explicaba que as previsións para este domingo de ara á proba de marcha en ruta eran que “ese día imos ter 180 atletas federados competindo en diversas categorías de marcha. É un deporte vistoso, unha proba deportiva moi interesante, e animamos a que a veciñanza de Ames, e sobre todo a do Milladoiro, a que aproveite para saír e ver a proba”.