O Viaxes Amarelle afronta nesta fin de semana a súa última saída de casa e o fará xogando ante o colista, o Xaloc Alacant. A cita será este sábado, 5 de xuño, ás 19:15 horas no pavillón municipal Pitiu Rochel en Alicante.
As coruñesas buscarán sumar tres puntos máis para afrontar mellor posicionadas o play-out pola permanencia na Primera División. O equipo de Jorge Basanta afronta unha xornada que terá que traballar como preparatorio para a eliminatoria de dentro de dúas semanas.
O cadro herculino non terá un rival fácil, xa que no partido de ida a vitoria foi galega pero por un axustado 2-1 e cun último minuto intenso sobre o campo.
Pola súa banda, o Xaloc Alacant é un dos equipos que loitou toda a tempada por evitar o descenso, pero foi o primeiro en confirmalo. Actualmente suma 25 goles a favor, 127 en contra, con unha vitoria, un empate e 22 derrotas tras 24 encontros disputados. En total acumula 4 puntos e un coeficiente de 0,167.
Nas últimas xornadas o rival do Viaxes Amarelle medrou malia estar xa descendido. A súa primeira vitoria chegou no derradeiro partido, disputado en terras canarias ante o Gran Canaria FS Teldeportivo que loitaba por chegar ao posto de disputa do play out.
A convocatoria do Amarelle
Para este novo partido Cris Lourés e Candela Soria seguirán sendo baixa polas súas escordaduras de nocellos e Martita tampouco poderá competir, ao seguir recuperándose da operación do ligamento cruzado anterior.
Desta forma, o Amarelle de Jorge Basanta contará coas seguintes xogadoras:
- Leti Rojo
- Sandra Rodríguez
- Tami Gándara
- María Gómez
- Patri Corral
- Patri Romaní
- Yaiza
- Sofía
- Anna Escribano
- Lau Doce
- Tana Florentín
A escadra galega partirá na tarde do venres a Alicante e dormirá en Albacete. O sábado afrontará os últimos quilómetros ata o destino, disputará o encontro e regresará unha vez finalice o partido.