A Copa Galicia de Ciclocrós celebrou este sábado en Sanxenxo a súa única xornada desta fin de semana. No noveno capítulo do certame autonómico, a júnior Sofía Álvarez (Cambre-Caeiro) alzouse coa súa primeira vitoria da tempada no II Ciclocross Con da Romaíña.
Tres equipos acapararon case a metade dos triunfos na proba organizada polo Club Ciclista Corbelo no circuíto do Parque empresarial de Nantes. O club que liderou a táboa de éxitos foi o Academia Postal – Abanca.
Sofía Álvarez, raíña xuvenil
O Cambre-Caeiro tamén subiu en dúas ocasións ao máis alto do podio en Sanxenxo e ambas vitorias chegaron nas competicións femininas. Segundo informa a Federación Galega de Ciclismo, a júnior Sofía Álvarez non só gañou entre as xuvenís, senón que cruzou a liña de meta en primeira posición na carreira elite-sub23 e júnior. O primeiro triunfo absoluto de Álvarez no calendario autonómico de ciclocrós obtívoo tras 48 minutos e 4 segundos de esforzo sobre a bicicleta.
A 17″ de Álvarez, rematou Isabel Castro (Condado Bike), primeira elite, e co terceiro posto fíxose a júnior Sarela Conde (Academia Postal – Abanca). A líder elite María Jesús Barros clasificouse cuarta, por detrás da tamén elite Aida García (Team Farto-BTC), mentres que Andrea García (Academia Postal- Abanca) recolleu o trofeo como mellor sub23.
O palmarés da segunda edición deste evento completouse cos triunfos de Lara Fuentes (Cambre-Caeiro) e Uxío Atrio (Academia Postal – Abanca) en cadetes; Eva Ortega (Biciosos-Rías Baixas) e Roberto Rodríguez (Bicicletas Chinquena) en máster-30; Rocío Blanco (A Forna) e Moisés Leboso (GD 10) en máster-40; Sonia Costoya (Corbelo) e Juan José Saborido (Speedcross) en máster-50; e Antonio González (Salvaterra) nos máster-60.
Elite masculina
O campión na categoría masculina foi o elite Saúl López (Academia Postal-Abanca), na que tamén foi a súa primeira vitoria absoluta da tempada.
A tripla do conxunto de Maceda encabezouna o seu elite Saúl López. O corredor monfortino aproveitou a ausencia do líder elite-sub23 Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz) para impoñerse por primeira vez esta temporada na clasificación absoluta.
Nun escenario con pouco barro e que presentou varias novidades respecto á primeira edición do Ciclocross Con da Romáiña, con fortes pendentes, López asinou un tempo de 58:48, superando por 12 segundos ao líder elite Rubén Deaño (Ourense Termal). Neste axustado final, Luis Fernández Oliveira (Avanza-O Porriño) entrou a 23″ do gañador e ocupou a terceira praza. O primeiro sub23 foi Ángel Maneiro (Vigo-Rías Baixas) e o seu compañeiro de club Iván Fernández dominou a carreira júnior.
A Copa Galicia regresará a vindeira fin de semana e por partida da dobre: o sábado na Cañiza e o domingo en Ribadumia.