Espectáculo do bo, solidariedade, compañeirismo… Así podemos resumir a xornada de do All Star do balonmán galego, que se celebrou no pavillón A Casqueira de Pontedeume, organizada pola Federación Galega de Balonmán en colaboración co Concello de Pontedeume. Ademais, esta cita deportiva foi un evento benéfico a favor de Cáritas Pontedeume, no que se coidaron todos os detalles para garantir a seguridade e a protección ante a COVID-19.
Foi unha tarde chea de grandes momentos que comezaron cos concursos, nos que as e os nosas/os protagonistas non escatimaron nin espectáculo, nin compañeirismo. Olvidáronse as rivalidades entre equipos, para unirse un día adicado ao xogo e o espectáculo neste All Star. E iso foi o que nos ofreceron as e os nosos protagonistas.
No concurso de lanzamentos impuxéronse Aarón Seoane (Granitos Ibéricos Carballal) e Alba Alfonso (Balonmán Saeplast Cañiza); mentres que no de habilidade venceron Cristóbal González (Distevi Seis do Nadal) e Cynthia Bello (AD Carballal). O terceiro concurso foi o de 7 metros, con vitoria de Raquel Santos (BM Chapela) e Mario Crecente (Balonmán Culleredo).
E para rematar, o All Star mixto, cunha mestura de xogadores e xogadoras galegas, no que non importaba o resultado, a pesar de que os dous equipos loitaron ao máximo por ofrecer espectáculo e deleitarnos con goles incribles.