Alejandra Neira, que no que vai de ano gañou a Liège-Bastogne-Liège e foi segunda noutras dúas citas da Copa das Nacións, como a EPZ Omloop van Borsele e a Clásica Jaén, segue brillando a nivel internacional cada vez que se pon un dorsal. A ciclista santiaguesa da Selección Española júnior foi a máis forte este domingo sobre as durísimas ramplas da Montée Jalabert para facerse coa vitoria no segundo parcial do Tour du Gévaudan Occitanie e quedarse ás portas do triunfo na xeral.
Esta xornada final da rolda francesa, pertencente á Copa das Nacións da UCI, contaba cun esixente percorrido de 80 quilómetros cunha tripla subida á Côte d’Aguenous (2ª categoría) e a ascensión final á Montée Jalabert de Mende, de 2,7 km ao 10,9% de pendente media, polo que está catalogada como de 1ª categoría.

O combinado español, consciente do favoritismo de Alejandra Neira, asumiu a responsabilidade de levar a carreira controlada ata as saias da ascensión final, onde a corredora galega comezou a seleccionar o grupo cun ritmo imperial. A única ciclista que puido seguir a súa roda foi a francesa Thaïs Poirier, gañadora na véspera, a quen Alejandra Neira bateu nos metros finais para alzarse como vencedora.
Alejandra Neira, segunda
A xeral si foi para Poirier grazas ás bonificacións, polo que Alejandra Neira tivo que conformarse coa segunda posición. O gran traballo de toda a Selección Española junior viuse recompensado, ademais, co triunfo na clasificación por equipos. Un éxito ao que contribuíu outra galega, Inés Santalla, no seu debut internacional. Clasificación
SAÚL VILAR
En Francia tamén competiu a pasada semana Saúl Vilar coa selección española. O rider vigués de BMX Freestyle sufriu unha caída na clasificatoria da Copa do Mundo de Montpellier e non puido acceder ás semifinais. Ocupou o posto 45 na táboa.





















