A santiaguesa Alejandra Neira non para de protagonizar excelentes novas. Logo de anunciarse que a partir do 1 de agosto dará o salto ao Movistar Team, a corredora que aínda pertence ao Baqué Movistar impúxose este sábado na Liège-Bastogne-Liège júnior e ao día seguinte, de novo en Bélxica, rematou quinta na In Flanders Fields.
A estes dous resultados históricos para o noso ciclismo buscará darlles continuidade a vindeira fin de semana no Tour du Gevaudan Occitanie, proba da Copa das Nacións que se disputa en Francia, onde terá como compañeira na Selección Española á tamén coruñesa Ines Santalla, segundo informa a Federación Ciclismo Galego.
Alejandra Neira foi 3.ª o ano pasado
A ciclista do Río Miera Meruelo debuta co combinado que dirixe Gema Pascual nunha cita que trae grandes recordos a Alejandra Neira. O ano pasado rematou terceira na xeral, polo que é unha das grandes candidatas a facerse esta vez coa vitoria.
O equipo español, dirixido por Gema Pascual, estará composto por Alejandra Neira, Aitana Gutiérrez, Ane Zubeldia, Mirari Gotxi, Inés Santalla e Naia Torrent.
A primeira das etapas do Tour du Gevaudan constará de 71 quilómetros, coa subida a Sauveterre (2ª categoría) como principal dificultade montañosa. O domingo a xeral resolverase cunha dura xornada de 80 km cunha tripla subida á Côte d´Aguenous (2ª cat.) e a ascensión final ao Causse de Mende, de 1ª.
A proba francesa coroou nos últimos anos a algúns dos maiores talentos do pelotón feminino como Federica Venturelli, Cat Ferguson ou Eglantine Rayer.
Xunto á selección española competirán algúns dos conxuntos máis potentes do continente e combinados estatais como os de Gran Bretaña, Canadá, Australia, Italia, Estados Unidos, Países Baixos ou Francia.
Inés Santalla e Vega Aldrey, na Copa de España
Antes de estrearse como internacional, Inés Santalla obtivo a novena praza este sábado na Legutokio Saria, carreira que exerceu de sexta cita puntuable para a Copa de España feminina. Nesta proba venceu na carrera élite-sub23 Julieta Benedetti.
Na carreira cadete (46,9 km), con máis de 100 participantes, a victoria foi para a líder, Noa Vega (Baqué-Movistar Team), que foi a máis veloz no treito final por diante de Laura Pérez (Electromercantil-GR100) e de Vega Iglesias (Mirat Team). Na provincia de Álava houbo outra galega que estivo entre as mellores da súa categoría. A cadete Vega Aldrey (Cambre) finalizou quinta.





















