No seu primeiro ano na categoría júnior e na súa segunda experiencia coa selección española no estranxeiro, Alejandra Neira foi a gran revelación nunha proba da Copa das Nacións da Unión Ciclista Internacional. A santiaguesa rematou segunda na etapa raíña do Tour du Gévaudan Occitanie, terceira na clasificación xeral da rolda francesa e adxudicouse a camisola branca da xuventude. Unha actuación histórica para o ciclismo galego.
As durísimas e constantes rampas do Montee Jalaber que conta nos seus tres quilómetros de lonxitude cunha pendente media do 11% foron o escenario dunha brillante actuación da Selección Española feminina de ciclismo en estrada na Copa das Nacións da UCI. A galega Alejandra Neira e a súa compañeira de equipo, Paula Ostiz foron 2ª e 3ª nesta segunda e última etapa do Tour du Guevaudan. Con este resultado ambas as dúas acadaron un sitio no podio final da carreira ciclista.
Alejandra Neira maillot branco como mellor junior de primeiro ano
Ademais, a Selección Española conseguía vencer na xeral por equipos. Paula Ostiz levou o maillot da montaña e a clasificación por puntos, mentres que a compostelá Alejandra Neira conquistaba o premio á mellor moza, segundo informa a RFEC.
Despois dunha primeira etapa de 71 quilómetros, que incluía o porto de Sauvaterre (2ª categoría), resolta nun esprint masivo, a terceira cita da Copa das Nacións decidiuse este domingo cunha tirada de alta montaña. As corredoras tiñan que ascender en 76 km o Col de la Loubière (2ª), a Côte d’Aguenous (2ª) e a subida final á Montèe Jalabert, un alto de 1ª categoría que nos seus 3 km de lonxitude conta cunha pendente media do 11%.
Nesas rampas finais, a canadense Sidney Swierenga rompeu rapidamente o grupo de favoritas e marchouse en solitario para terminar impoñéndose con claridade. Alejandra Neira e a navarra Paula Ostiz realizaron a ascensión xuntas e mantiveron un gran ritmo co que foron soltando a todas as súas acompañantes. Finalmente, a compostelá entrou segunda a 1’03” e a súa compañeira de selección foi terceira a 1’07”.
Na xeral, Swierenga levouse a primeira posición, mentres que no segundo posto concluíu Paula Ostiz, grazas ás bonificacións obtidas na primeira etapa, onde foi terceira, e na terceira praza Alejandra Neira, gañadora do maillot branco. O combinado español reinou na clasificación por equipos, informa a Federación Ciclismo Galego.





















