A primeira peza do Poio Pescamar 2026 / 2027 non podía ser outra. A capitá, Alejandra Ale de Paz
González (Neda, 25/05/1995), sumará a súa oitava tempada como conserveira, a cuarta
consecutiva (a súa primeira etapa transcorreu entre 2015 e 2019).
A historia vermella non se entende sen ela, xa que serán, cando menos, catorce campañas en
Primeira División as do club, estando Ale presente en oito delas.

Con tres das catro Copas Galicia que posúe o Poio Pescamar, é a xogadora que máis títulos conquistou na entidade conserveira, sen esquecer que é dobre campioa de Europa con España, ademais de conseguir recentemente o bronce no primeiro Mundial oficial.
Ademais, no curso que vén de rematar, converteuse na futbolista que máis veces vestiu a camiseta vermella, acumulando un total de 238 partidos (superando os 223 de Irene García). E ten ao seu alcance converterse na máxima goleadora histórica do Poio Pescamar.

Nesta última tempada, a primeira como capitá, Ale de Paz foi a máxima goleadora do equipo, destacando que é o ano no que máis tantos anotou como conserveira (22, 18 deles en liga, superando os 17 que marcara na campaña 2016 / 2017). Entre goles e asistencias, acumulou 30 participacións directas en gol.
Estes foron os datos totais de Ale de Paz:
- Convocatorias: 38
- Partidos disputados: 37
- Titularidades: 30
- Goles: 22
- Asistencias: 8
- Tarxetas amarelas: 1
- Tarxetas vermellas: 0
Nos seus sete cursos aquí, o seu balance é:
- Convocatorias: 245
- Partidos disputados: 238
- Titularidades: 111
- Goles: 95
- Asistencias: 27 (dato desde 2023)
- Tarxetas amarelas: 23
- Tarxetas vermellas: 0
Segundo explican desde o Poio Pescamar, “Máis alá dos números, a súa implicación co club e coas categorías base converten a Ale de Paz nun referente para todos, grandes e pequenos”.





















