Despois do obrigado parón por razóns sanitarias debido á pandemia por COVID-19, volve o Circuíto Coruña Corre e as súas sete carreiras nos barrios de Matogrande, Os Rosales, Novo Mesoiro, Torre de Hércules, San Pedro de Visma, Ventorrillo e Oza.
Co circuíto Coruña Corre, o Goberno municipal da Coruña pretende fomentar o deporte coa axuda dos barrios, asociacións veciñais e clubs de atletismo da cidade. Neste sentido, a categoría familiar diferenciou ao Coruña Corre desde o seu nacemento do resto de circuítos que se organizan noutras cidades galegas. Este ano, ademais, determinouse que volvan participar os máis cativos, sen poñer límites de idade para a categoría de Peques, axudando a crear hábitos deportivos entre a xente máis nova da casa, contando sempre coa colaboración dos avós e dos pais.
Este ano levarase o Coruña Corre aos centros educativos, reforzando a aposta da Concellaría de Deportes, que dirixe Mónica Martínez, para fomentar o deporte participativo, especialmente nas idades máis sensibles en que a mocidade abandona a súa práctica. Con este obxectivo creouse unha categoría especial de equipos mixtos nas categorías sub-16 e sub-18. Polo mero feito de participar, sumarán puntos para o seu colexio, e haberá premios para o centro e o alumnado, recuperando así unha competición colexial na que todas e todos defendan as cores do seu colexio ou instituto.
Coruña Corre consta de sete probas
O Coruña Corre é un programa de sete probas que se celebrarán entre o 23 de xaneiro de 2022 e o 27 de novembro de 2022. A inscripción xa está aberta na web www.corunacorre.com. A maiores, en vindeiras datas presentarase a outra gran novidade desta edición, xa que estará dispoñible para a súa descarga a APP oficial do Coruña Corre.
Os premios aos mellores de cada categoría entregaranse nunha gala de clausura en decembro de 2022.
Debido ás actuais condicións sanitarias, os criterios para a organización de cada carreira podrán verse modificados segundo as limitacións existentes no momento de realización de cada unha delas.
Podes obter máis información sobre estas probas na web de Carreiras populares da Coruña .