A décima edición do circuíto Coruña Corre bota a andar coa apertura das inscricións para o conxunto das carreiras populares e para a súa primeira proba, a XI Carreira Popular Torre de Hércules, que por terceira edición consecutiva estará acompañada dunha andaina solidaria para conmemorar o Día Mundial da Muller.
As persoas interesadas en participar xa poden informarse sobre o circuíto e cada unha das carreiras a través da páxina web de Coruña Corre.
O Concello da Coruña continúa deste xeito co seu apoio ao deporte local e amosa o seu compromiso cun circuíto de carreiras moi querido e demandado polas persoas corredoras das cidade. “A nosa intención é que nesta décima edición consigamos bater o récord de inscricións da pasada edición e fomentemos así a práctica deportiva nas distintas idades”, sinalou a alcaldesa da cidade herculina, Inés Rey.
Inés Rey, alcaldesa da Coruña_ “A nosa intención é que nesta décima edición consigamos bater o récord de inscricións da pasada edición e fomentemos así a práctica deportiva nas distintas idades”
A primeira proba, a Carreira Popular Torre de Hércules Trofeo José Antonio Varela Calviño, terá lugar o vindeiro sábado 18 de marzo ás 20.00 horas. As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o domingo 12 de marzo ás 23.59 horas.
👟 As inscricións da XI Carreira Popular da @torrehercules péchanse o domingo 12 de marzo ás 23.59 horas.
Tamén poderás participar na andaina solidaria para conmemorar o Día Mundial da Muller.
Únete xa, aquí 👉 https://t.co/iu88wLk0LZ pic.twitter.com/FXMY0Cbqku
— A Coruña Deportes (@coruna_deportes) March 3, 2023
A cota de inscrición será de tres euros máis dous euros polo chip refugable. Haberá unha cota especial para persoas desempregadas, maiores de 65 anos e beneficiarias do Carné Xove de dous euros polo dorsal dun euro polo chip.
Por outra banda, as persoas que queiran inscribirse no circuíto completo de carreiras populares Coruña Corre poderán facelo tamén a través da páxina web do circuíto. Este tipo de inscrición xera automaticamente a inscrición en cada unha das probas da competición. Deste xeito, non se fai necesario confirmar a participación de xeito individual en cada carreira do Coruña Corre. O custo é de 12 euros.
Mesmo chip e dorsal para todo o Coruña Corre
As persoas participantes no circuíto Coruña Corre utilizarán o mesmo dorsal e chip para todas as carreiras populares que integran o circuíto.
No momento da inscrición, os participantes na C21 e na 5K do pasado 12 de febreiro deberán indicalo para que se lles devolva o 50 % do prezo do circuíto, unha vez comprobados os datos.
Nesta primeira proba, como é habitual, ademais da categoría absoluta haberá categorías inferiores, que se disputarán a partir das 17.00 horas. Ademais, terá lugar a terceira andaina solidaria para conmemorar o 8 de marzo. Nesta proba, que comezará 5 minutos despois da carreira absoluta, poderá participar calquera persoa con independencia da súa idade.
As persoas participantes deberán realizar unha doazón e levarán o dorsal solidario 261. As doazóns serán de 3 e 5 euros ou dunha cantidade superior. As persoas participantes recibirán un obsequio conmemorativo.
Os dorsais da carreira, da andaina e do circuíto recolleranse o venres 17 de marzo de 17.00 a 21.30 horas e o sábado 18 de marzo, día da proba, desde as 10.00 horas ata media hora antes do comezo da carreira que corresponda.
- XI Carreira Popular Torre de Hércules: 18 de marzo
- XV Baixada Popular de Cross de San Pedro de Visma: 7 de maio
- XI Carreira Popular Os Rosales: 21 de maio
- VII Carreira Popular Matogrande: 25 de xuño
- XI Carreira Popular Volta a Oza: 10 de setembro
- VIII Carreira Popular Ventorrillo: 22 de outubro
- XI Carreira Popular Novo Mesoiro: 26 de novembro