O barrio do Ventorrillo acollerá o vindeiro domingo 25 a penúltima carreira popular desta tempada do circuíto Coruña Corre, que entra xa na súa recta final con dúas probas por disputar. A última, en novembro, será en Novo Mesoiro.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, informou hoxe de que o prazo de inscricións para a carreira do Ventorrillo xa está aberto, e de que continuará habilitado ata o día 18, domingo previo á celebración da proba. «Convidamos á cidadanía a participar nesta xornada deportiva ao aire libre, claro exemplo do traballo do Concello da Coruña por ofrecer actividades de ocio e deporte saudable para todas a idades», indicou o edil.
A carreira do Ventorrillo do Coruña Corre terá case 6km
A carreira do Ventorrillo, que fai parte do circuíto Coruña Corre, que terá unha distancia de 5.850 metros, arrincará ás 10.00 horas no cruzamento entre as rúas Alcalde Salorio Suárez e Alcalde Jaime Hervada, punto de partida dun trazado que combinará treitos de asfalto e pistas de terra tanto polo Ventorrillo como pola contorna do núcleo poboacional da Silva.
Ademais, á disputa da proba en categoría absoluta sumarase, como xa é habitual, a celebración da carreira en categorías inferiores, desde sub-18 a peques. Haberá saídas graduais entre as 11.15 e as 12.30 horas e tamén percorridos diferenciados en función das idades das rapazas e rapaces participantes.
Toda a información sobre a carreira popular do Ventorrillo que terá lugar o vindeiro 25 de outubro pódese consultar na páxina web de Coruña Corre, onde tamén se detalla polo miúdo os servizos dos que disporán as persoas participantes: lugar e horarios da recollida de dorsais, duchas, gardarroupa e avituallamento.
















