Este domingo, 14 de maio, ás 23.59 horas, pecha o período de inscrición no circuíto Coruña Corre e na X Carreira Popular dos Rosales. As persoas interesadas en participar deberán completar o formulario que hai na páxina web
www.corunacorre.com.
No caso de participar nas carreiras individuais, o dorsal será exclusivo para cada unha das sete probas do circuíto. Para as inscricións ao conxunto de Coruña Corre, as persoas participantes disporán dun dorsal e chip único, polo que de ter participación nas probas xa disputadas non teñen que retirar un novo, segundo informan desde o Concello da Coruña.
A proba absoluta comezará ás 10.00 horas na rúa Manuel Azaña, xunto á praza Elíptica. O percorrido pasará pola propia praza e Manuel Azaña ata Labañou, onde as persoas participantes irán cara ao paseo marítimo en dirección ao Portiño.
A segunda parte do circuíto irá en dirección á estrada Fontes do Monte de San Pedro e volverá a Manuel Azaña desde a rúa Castelao da cidade herculina.
Ademais da proba absoluta haberá, como é habitual nas probas de Coruña Corre, outras seis carreiras de categorías inferiores cun percorrido más curto.
Os dorsais da proba deberán recollerse o sábado 20 de maio, de 11.30 a 20.30 horas e o domingo 21 de maio, desde as 09.00 horas e ata o momento da saída da proba correspondente, no Polideportivo Municipal dos Rosales. Ademais, para a categoría ‘peques’ será necesario recoller pulseiras identificativas no mesmo lugar e horario que os dorsais.
Haberá un servizo de duchas no Polideportivo Municipal dos Rosales de 10.30 a 13.00 horas e outro de gardarroupa, de 9.00 a 11.30 horas no mesmo espazo. Proporcionarase auga e avituallamento sólido a todas as persoas participantes na chegada a meta.
A entrega de premios desta X Carreira Popular dos Rosales incluída no circuíto Coruña Corre terá lugar a partir das 12.30 horas na praza Elíptica.