Satisfeito tras a vitoria colleitada hai uns días na pista do Costa del Sol Málaga, Abel González, técnico asturiano do Mecalia Atlético Guardés xa se enfoca no reto europeo, consciente de que quitarse a laxa de non gañar a domicilio é un impulso perfecto para o envite. “O equipo atopou o camiño da vitoria fóra de casa. É importante e estou seguro de que nos vai a dar un plus máis para facer as cousas aínda mellor na eliminatoria europea”, destaca o adestrador das galegas.
“Temos ganas de volver á nosa casa e notar a calor do público. Sabemos que sempre é un plus de motivación e que é moi importante ter ese apoio. Aínda non o puidemos gozar en Liga, pero xa sabemos o que é en Europa pola eliminatoria anterior e nesta tamén se vai a notar. A afección vai empuxar para facer as cousas ben”, explica o preparador de San Juan da Area.
Abel González non dubida en afirmar que “o equipo está ben” tras o esforzo intersemanal. “Unha vitoria anima máis, aínda que a malleira da viaxe e dun partido intenso non cha quita ninguén. Dosificaremos esforzos e repartiremos minutos e seguro que todo o mundo vai coller ritmo e ánimos para o que temos por diante”, argumenta o adestrador das guardesas.
E sobre o rival, o H71 Hoyvík , o adestrador do Mecalia Atlético Guardés defíneo como “un equipo novo, que practica balonmán nórdico, con defensas pechadas e fortes en zona central” grazas á envergadura do seu bloque. “Teñen capacidade de lanzamento exterior e de xogo na primeira liña e, sobre todo, o seu extremo esquerdo, que é das que mellor finaliza do equipo”, conclúe Abel González.
Estos partidos de oitavos de final da EHF European Cup entre Guardés e H71 Hoyvík xóganse na Sangriña o sábado, 14 de xaneiro, e o domingo, 15. En ambos os dous casos os encontros teñen como horario de inicio as 19:00 horas. Exercerán como árbitros: Sabien Weber e Denis Weinquin (Nederland). Os cruces poderán seguirse ao vivo pola TVG2.