Abegondo converterase o sábado 18 de xuño na capital galega da bicicleta de montaña. O Concello e o club ciclista Gacela presentaron hoxe a segunda edición do Minis BTT coa previsión de reunir entre 300 e 400 pequenos ciclistas, de entre 3 e 14 anos de idade, procedentes de toda Galicia.
O alcalde, José Antonio Santiso, presidiu a presentación xunto co presidente do club Gabriel Ramos. Estiveron acompañados dalgunhas das promesas da agrupación, que conta xa cunha trintena de deportistas e aspira a seguir crecendo.
O II Minis BTT celebrarase en Cancelada, unha contorna rural a poucos metros da capital municipal, San Marcos. Alí habilitarase o circuíto, con diferentes percorridos segundo a categoría.
A competición desenvolverase entre as 14.30 e as 19.00 horas. A organización habilitará bochinche e promete ofrecer prezos populares.
Os equipos empezan a chegar a Abegondo o venres 17
Pero o ambiente da proba comezará xa o venres 17 cando se espera a chegada gradual dos equipos. Moitos se desprazarán en autocaravanas polo que se habilitará unha zona específica no propio lugar do circuíto.
O rexedor destacou a dinamización do municipio que implicará a iniciativa e felicitou ao club por promovela. “Apoiar ao deporte é apoiar ou benestar e sempre contaredes co Concello de Abegondo”, afirmou Santiso, que subliñou a importancia de inculcar os valores aos máis pequenos.





















