- Roberto García, secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, destacou na súa comparecencia no Parlamento Galego o incremento dos anticipos, que cobren na actualidade o 90% das achegas.
- No que vai de ano 2026, xa se tramitaron o 96% das axudas destinadas aos entes federativos.
- Os acordos de colaboración apostan pola igualdade, pola inclusión e pola loita contra a violencia no deporte.
- Galicia supera a media estatal tanto en licenzas federativas como en participación feminina federada.
O secretario xeral para o Deporte, Roberto García, compareceu hoxe a petición propia na Comisión 1ª do Parlamento de Galicia para dar conta da colaboración da Xunta de Galicia coas diferentes federacións deportivas galegas, un modelo baseado nos convenios que facilitan a estabilidade financeira e a capacidade de planificación destas entidades ao garantir unha maior axilidade de tramitación.
Neste liña, Roberto García destacou que a Xunta de Galicia destina este ano máis de 5,5 millóns de euros ás federacións deportivas, unha contía que medrou máis dun 17% nos últimos catro anos, desde os 4,7 millóns presupostados en 2023.
Roberto García incidiu na eficacia do sistema galego de colaboración coas federacións deportivas da nosa comunidade, sustentado na figura do convenio, o que permite que as entidades dispoñan dunha importante parte do seu orzamento xa nos primeiros meses do ano.
Neste marco, o secretario xeral para o Deporte salientou tamén o avance progresivo nos anticipos das axudas, que pasaron do 40% no ano 2014 ao máximo actual do 90%, facilitando así a liquidez e a planificación da actividade deportiva federada.
No que vai de ano, a Secretaría Xeral para o Deporte ten xa tramitados convenios con 57 federacións deportivas por importe de 5,29 millóns de euros, o que representa o 96% da partida destinada a esta finalidade no presente 2026.
Deste xeito, a programación e a tramitación anticipada do gasto supón unha vantaxe competitiva para as federacións galegas fronte a outras comunidades autónomas, explican desde a administración autonómica.
Igualdade, inclusión e loita contra a violencia
Durante a súa intervención na Comisión 1ª do Parlamento de Galicia, o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Roberto García, lembrou que as federacións deportivas son o eixo principal da actividade deportiva competitiva galega e subliñou que Galicia conta actualmente con 61 modalidades e máis de 300 especialidades deportivas.
Ademais, o secretario xeral para o Deporte, salientou que os convenios incorporan medidas vinculadas á igualdade, á inclusión, á transparencia e, como novidade neste ano, á loita contra a violencia no deporte.
Segundo explicou Roberto García, a maior parte das axudas ás federacións, máis de 2,5 millóns de euros, dedícanse ao financiamento da actividade deportiva ordinaria.
Entre as actuacións financiadas inclúense así mesmo o labor dos centros de tecnificación e dos núcleos de adestramento deportivo especializado (NADE), a participación das seleccións autonómicas nos campionatos de España, os programas de promoción deportiva ou a preparación de diferentes deportistas galegos cara aos Xogos Olímpicos dos Ánxeles 2028.
Galicia supera a media estatal de licenzas femininas
O secretario xeral para o Deporte, Roberto García, subliñou que os convenios asinados pola Xunta de Galicia coas federacións, a través da Secretaria Xeral para o Deporte, ascenden desde o ano 2009 a preto de 80 millóns de euros e fixo fincapé no destacado papel que as federacións deportivas desenvolven no conxunto do sistema deportivo galego. Lembrou así que Galicia se sitúa por riba da media estatal tanto en porcentaxe de poboación federada como en licenzas femininas.
Atendendo aos últimos datos do Consello Superior de Deportes, sinalou que o 11,1% da poboación galega conta con licenza deportiva federativa fronte ao 8,9% da media estatal, mentres que as licenzas femininas representan en Galicia o 27,2% fronte ao 23,2% estatal.
Ver esta publicación en Instagram

















