As últimas restricións sanitarias establecidas pola Xunta por mor da COVID-19 suspenden as competicións do deporte federado e isto afecta directamente ao atletismo. A SG Pontevedra ven de anunciar a cancelación das actividades das Escolas do Club desde este mércores, 27 de xaneiro.
Desde o club pontevedrés explican que as novas medidas, debido ao empeoramento da situación sanitaria xerada pola COVID-19, restrinxen as actividades físicas. Como recordan no comunicado, “o deporte no ámbito autonómico, xa sexa competicións ou adestrametnos, suspéndese”.
A Sociedad Gimnástica de Pontevedra informa de que este parón continuará ata o 17 de febreiro, pero a data podería mudar en función da evolución da situación sanitaria. Se as autoridades pertinentes o permiten, declaran desde o club de atletismo, a partir dese día retomaranse as actividades da Escola.
A SG Pontevedra lamenta a imposibilidade de continuar cos adestramentos, pero insiste na importancia de ser “un exemplo de responsabilidade”.
A cancelación das actividades non afecta ás competicións estatais, pero o desenvolvemento destas probas é aínda unha incógnita.
O avance da COVID-19 aporta Incerteza de cara ás citas galegas máis próximas do calendario da RFEA