AUTOR: Pablo Blanco
Catro equipos chegaban a esta final a catro Deputación da Coruña coa intención de acadar esa ansiada praza na fase de ascenso a División de Honra Prata. Catro escadras con diferentes traxectorias ao longo da temporada pero coa sensación de que calquera delas podía alzarse coa vitoria.
O premio, foi ao remate da competición para as xogadoras da S.D. Samertolameu que se impuxeron na final as do Cies Obra Civil Bm. Chapela por un marcador de 22 a 17 nun axustadísimo cruce final que se decidiu nos últimos compases.
Cies Obra Civil Chapela 31 – 29 Balonmán Tui
A primeira semifinal enfrontaba a un aparente favorito como era o Cies Obra Civil Chapela co Balonmán Tui, un equipo aguerrido e certamente incómodo para calquera rival. Así o foi, xa que desde o primeiro minuto, as tudenses mostráronse máis intensas e involucradas no partido.
Froito deste estado de ánimo foron os primeiros parciais no marcador (5-1 no minuto 5) que poñían en dúbida o rendemento do Chapela e ameazaban con deixalas sen posibilidades de acadar a final.
O equipo de Jacobo Gregores, o Balonmán Tui, aumentaba a vantaxe gracias a un ritmo de xogo altísimo no que xogadoras como Sonia Rodríguez ou Andrea Iglesias castigaban ao seu rival con rápidos contragolpes.
A diferenza medrou ata o minuto 20 da primeira metade (17-8), momento no que un tempo morto solicitado polas tudenses serviu ao Chapela como punto de inflexión para comezar a remontada e chegar ao descanso cunha desvantaxe menor (20-17) grazas ao xogo coral, as paradas de Alba Silva e especialmente as aportacións goleadoras de Sandra Piñeiro e Raquel Santos.
A segunda parte mantivo a tendencia e xa no minuto 40 ás chapeleiras empataban o partido (21-21). Foi ese o momento no que as xogadoras de Tita poñíanse por diante e acadaban unha vantaxe de 4 goles (22-26 no minuto 17 e 24-28 no minuto 22) que flutuou neses números ata os últimos minutos. Nunha mostra de coraxe intentábao o Balonmán Tui para pechar o partido cun 29-31 favorable para o Chapela.
S.D. Samertolameu 36 – 24 De Pueblo Carnicería Bm. Pabellón
Xa pola tarde, na segunda semifinal, era o Balonmán S.D. Samertolameu o que partía como favorito ante un De Pueblo Carnicería Bm. Pabellón que se clasificara para esta final a catro na repesca pero que semellaba capacitado para competir o partido e chegar á final do luns. Sen embargo, foi o Samertolameu o que colleu as rendas do partido e mandou no marcador durante os 60 minutos.
1ª AUT. FEMININA – FINAL FOUR DEPUTACIÓN DA CORUÑA – LOITA POLA TERCEIRA POSICIÓN
Axustadísima victoria do BM Tui, que se decidiu nun sete metros nos últimos segundos! Partidazo de ambos equipos!!
Resultado final: DE PUEBLO CARNICERÍA BM.PABELLÓN 30:31 BALONMÁN TUI pic.twitter.com/5amkaTZ8f0— Federación Galega Balonmán (@fgabalonman) May 17, 2021
Aínda así, non foi ata o minuto 20 que o equipo de Moaña logrou distanciarse e coller o primeiro colchón de goles (10-6 no minuto 20). Leila Durán, unha das xogadoras xuvenís do Pabellón era a que mantiña ao seu equipo na loita nesta primeira metade asinando 4 dos 5 primeiros goles.
O descanso chegou cun 14-8 no marcador que semellaba que o Samertolameu controlaría. Foi así, xa que o Pabellón de Ourense nunca se aproximaría e vería na segunda metade como as de Aarón Nieto aumentaban a diferenza ata os 10 goles (25-15 minuto 45 e 31-21 minuto 50).
O encontro rematou co 36-24 lucindo no marcador gracias a sólida defensa do Samertolameu, as inspiradas paradas de Patricia Fernández e o xogo combinativo que repartía entre moitas xogadoras o protagonismo anotador.
De Pueblo Carnicería Pabellón 30 – 31 Clube Balonmán Tui
Na xornada do luns en Carballo, o partido entre o De Pueblo Carnicería Pabellón e o Clube Balonmán Tui abría os encontros desta final a catro nun terceiro e cuarto posto con difícil prognóstico.
Foron as tudenses as que mandaron na primeira metade con Sonia e Andrea de novo facendo das súas, apoiadas tamén nas paradas de Patricia. Aínda así, o Pabellón plantou cara e non se despegou grazas ao gran rendemento dunha das súas mellores xogadoras e que no día anterior non mostrara as súas cualidades, a primeira liña Ana Pérez.
1ª AUT. FEMININA – FINAL FOUR DEPUTACIÓN DA CORUÑA – LOITA POLA TERCEIRA POSICIÓN
Axustadísima victoria do BM Tui, que se decidiu nun sete metros nos últimos segundos! Partidazo de ambos equipos!!
Resultado final: DE PUEBLO CARNICERÍA BM.PABELLÓN 30:31 BALONMÁN TUI pic.twitter.com/5amkaTZ8f0— Federación Galega Balonmán (@fgabalonman) May 17, 2021
Na segunda metade, o Tui mantívose por diante mentres lle duraron os folgos, pero chegado o tramo final comezou a pagar ese ritmo alto e a esixencia física deste modelo de xogo para as súas xogadoras. Deste xeito, o Pabellón foi capaz de empatar o partido a falta de 5 minutos para o final (29-29) e levalo igualado ata o último minuto.
Foi a falta de 33 segundos cando Sandra Araujo anotaba o 30-31 para o Tui, resultado que non se movería ata o remate (a pesares dun lanzamento ao pao de Ana Pérez) e que lle daría ás tudenses este terceiro posto.
A gran final foi entre S.D. Samertolameu e Cies Obra Civil Chapela
Logo das semifinais os conxuntos do Samertolameu e Chapela medíanse na final, unha final na que tanto a Federación Galega de Balonmán como o club organizador, o Calvo Xiria, deron mostras do agarimo co que montaron este evento cunha espectacular presentación (música, focos, speaker…) e cun recordo para o Día das Letras Galegas escoitando o himno galego co pavillón Vila de Noia do Concello de Carballo en pé.
A final comezou coa igualdade campando no marcador. O Chapela baseaba o seu rendemento nas paradas de Alba Silva e nos goles e na coraxe de Alba Rosa. Pola súa conta, o Samertolameu lucía coa súa habitual consistencia defensiva e cunha Sara Acuña moi efectiva.
A segunda parte continuou nese camiño alternándose ambos equipos no marcador. Foi chegado o minuto 18 (15-15) cando o equipo de Moaña acadaba un parcial de 4-0 (19-15 minuto 23) e poñía a primeira distancia importante no electrónico.
As chapeleiras intentárono, pero non foron quen de recortar a diferenza e remataron esta final cun 22-17 que lle daba o título desta final a catro Deputación da Coruña e de subcampioas galegas ao Samertolameu.
No aire o accede da SD Samertolameu á fase de ascenso
A priori este trunfo na final a catro autonómica, outorga a posibilidade as xogadoras da S.D. Samertolameu de pelexar polo ascenso nunha fase de ascenso a División de Honra Prata.
Esta clasificación quedaba no aire, xa que está supeditada a oficialidade da Real Federación Española de Balonmano de facer valer certos requisitos que deben cumprir os clubs para acceder a estas competicións e que o equipo moañés non cumpre, xa que é o seu primeiro ano de existencia.
Cuestións burocráticas que se resolverán nos próximos días e que abren a porta á esperanza, en todo caso, para que fose o Cies Obra Civil Balonmán Chapela quen poidese acudir a esa cita.
O Balonmán Culleredo, vence a final a catro ante o MC360 Poio Artai
Pola parte da competición masculina, que se celebraba paralelamente, foi o Balonmán Culleredo o que se alzaba coa vitoria nunha final emocionantísima ante o MC360 Poio Artai. O partido que rematou cun resultado de vitoria pola mínima para os cullerdenses 25-24 e viviuse con moita emoción e remontada local. Con este resultado, os a Coruña acadan a clasificación para a fase de ascenso a Primeira Nacional Masculina.
1ª AUT. MASCULINA – FINAL FOUR DEPUTACIÓN DA CORUÑA – FINAL
Incrible remontada do @BmCulleredo para poñerse por diante do @bmpoioartai a falta de 30 segundos e acadar a vitoria no Final Four e unha praza para a fase de ascenso a 1ª Nacional!
BM CULLEREDO 25:24 MC360 POIO ARTAI pic.twitter.com/S8OTPypf5D— Federación Galega Balonmán (@fgabalonman) May 17, 2021
O evento concluíu cunha entrega de premios para os equipos finalistas (os terceiros e cuartos xa se entregaran pola mañá) e para os equipos campións autonómicos que non participaron nesta final a catro, pero que recibían o seu merecido recoñecemento. O Saeplast Cañiza pola parte feminina e o Asumbal Meaño na masculina.
Un fin de semán cheo de emocións, desbordante de balonmán e no que se respirou bo ambiente, fair play e a saúde dun balonmán galego que está á alza.