- A campioa do Mundo de fútbol, Teresa Abelleira, recibiu unha homenaxe da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) á súa chegada a Galicia.
A futbolista galega foi parabenizada pola afección galega que lle trasladou a súa admiración nun acto que tivo lugar na Delegación de Pontevedra da Real Federación Galega de Fútbol. Alí estaban esperando pola campioa do Mundo de fútbol representantes da maior parte parte dos clubs galegos con equipos de fútbol feminino. Tamén nenas destes equipos que algún día soñan con ser como Teresa Abelleira e ás que se lles notaba na mirada a admiración que sentían por estar ao lado de toda unha campioa do mundo.

A pontevedresa xa é un auténtico referente no que se miran as moitas rapazas que cada ano se adentran no mundo do fútbol, gracias, en gran medida, a contar con referentes futbolísticos como ela.
O Salón de Actos da RFGF en Pontevedra leva o nome de Teresa Abelleira
Na recepción Teresa Abelleira presenciou como a RFGF bautizou co seu nome o salón de actos e aula de formación da Delegación de Pontevedra. Unha sala que usan diariamente adestradores/as, árbitros/as e clubs e que pasa a chamarse Salón de Actos Teresa Abelleira. O seu nome e unha imaxe da futbolista coa camiseta da selección española locen da porta de entrada da sala.

O presidente da RFGF, Rafael Louzán, gabou á xogadora que leva con fachenda o nome de Galicia aló onde vai. A deportista, agora campioa do Mundo, defendeu as cores sa Selección Galega de fútbol e de fútbol sala en diferentes categorías.

Rafael Louzán declaraba que Teresa Abelleira é “un orgullo para todo o fútbol galego e un espello no que se poden mirar todas as nenas que empezan a xogar ao fútbol”. O presidente da RFGF agradecía a Teresa Abelleira “ser a futbolista que es. Grazas por ser a persoa que es”.
Louzán agradeceu tamén á deportista que tivera aceptado, pese ao cansanzo acumulado e sen pasar por casa, acudir a “compartir o seu éxito e a súa medalla de ouro con todo o fútbol feminino galego”.

Pola súa parte, a futbolista pontevedresa Teresa Abelleira agradeceu o apoio recibido e subliñou que “en Australia, a tantos quilómetros de distancia, sentín o voso ánimo”. Dixo ter fachenda de representar a Galicia e axudar a que o fútbol feminino continúe a súa progresión en Galicia e España, ademais de estar sorprendida polo impacto de súa chegada.
Louzán entregó a Teresa Abelleira unha camiseta da Selección Galega co seu nome e o seu inseparable número 3 nas costas, e tamén unha placa conmemorativa desta homenaxe que o fútbol galego fixo á súa campioa do Mundo.

O presidente da RFGF deu as grazas á nai e familiares de Terea Abelleira presentes no acto, nomeadamente aos seus avós que “son unha parte moi importante dos seus éxitos”.

A futbolista internacional Teresa Abelleira entregou, pola súa parte, como lembranza deste momento histórico para o fútbol galego unha camiseta súa da Selección Española que xa loce a estrela conquistada en Australia que acredita á Vermella como campio do seu primeiro Mundial de fútbol.

A sinatura de camisetas por parte da xogadora galega puxo o punto e final a un acto que deu paso á reunión cos clubs de fútbol femenino de Galicia, aos que, desde a RFGF, se lles informou do plan competitivo para a tempada 23-24.
































