- O alto nivel de Galicia acada números históricos en todas as súas categorías alcanzando a cifra de 1.009 persoas consideradas DGAN na nosa comunidade.
- A Xunta informa de que xa se traballa nas axudas para as persoas deportistas de alto niven al Galicia para este ano 2023.
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución do 12 de xullo de 2023 pola que se publica a relación vixente de persoas deportistas de alto nivel DGAN, alto rendemento e rendemento deportivo de base de Galicia e diferentes colectivos deportivos. O número total de deportistas galegos e galegas recoñecidos e recoñecidas xa supera o milleiro, unha cifra nunca antes acadada e presenta récords en todos os seus rexistros.
Neste sentido, dos 1.009 deportistas galegos recoñecidos (381 mulleres e 628 homes), o 80% (808) son deportistas galegos de alto nivel (299 mulleres e 509 homes). Ademais, hai 101 deportistas de rendemento deportivo de base (39 mulleres e 62 homes); 64 deportistas de alto rendemento (25 mulleres e 39 homes); 15 técnicos de alto nivel (catro mulleres e 11 homes); sete árbitras (cinco mulleres e dous homes); cinco xuízas (catro mulleres e un home) e nove deportistas galegos de alto nivel vitalicios (cinco mulleres e catro homes).
Entre estes DGAN vitalicios atópanse algúns dos mellores deportistas de Galicia como Carlos Arévalo, Carlos Pérez ‘Perucho’, Teresa Portela e Cristian Toro (piragüismo), Támara Echegoyen, Nico Rodríguez e Sofía Toro (vela), Adi Iglesias (atletismo adaptado), Susana Rodríguez Gacio (paratríatlon) e Chano Rodríguez (natación adaptada).
Cómpre salientar, asemade, que entre todas as categorías están recoñecidos 29 deportistas galegos con diversidade funcional (11 mulleres e 18 homes), o número máis alto da serie histórica, como na meirande parte do resto das categorías.
Estas cifras acadadas polo deporte de alto nivel de Galicia débense por unha banda, ao traballo e ao incremento de nivel dos deportistas de Galicia nos últimos anos, así como ao novo decreto de alto nivel publicado en setembro de 2020 que, ademais do deporte de alto nivel de Galicia, tamén recoñece o alto rendemento deportivo (práctica deportiva que aínda non pode ser cualificada de alto nivel pero cuxa proxección indica que estará en condicións de selo) e o rendemento deportivo de base (etapa de desenvolvemento e perfeccionamento previa a acadar o alto rendemento deportivo ou o alto nivel).
O mesmo ocorre coas categorías de técnicos – adestradores e xuíces – árbitros, novos colectivos que se incorporan a figura do alto nivel, a través da Comisión Galega de Avaliación do Alto nivel deportivo.
Entre as disciplinas que contan con DGAN están deportes como: fútbol, balonmán, orientación, patinaxe, baloncesto, taekwondo, halterofilia, salvamento e socorrismo, boxeo, atletismo, fútbol sala, bádminton, piragüismo, remo, kickboxing, baile deportivo, esgrima, vela, tiro con arco, ximnasia, surf, judo, hípica, actividades subacuáticas, loita, ciclismo, tríatlon, natación, montañismo, automobilismo, rugby, tenis de mesa, tiro olímpico, tenis, voleibol, kung fu, xadrez, squash, volei praia, golf ou birlos.
Máis de 600 solicitudes tramitadas para as axudas DGAN 2023
Do mesmo xeito, no día de hoxe 21 de xullo de 2023, a páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte publica listaxe provisional de solicitudes admitidas, pendentes de subsanación e denegadas por no cumprir cos requisitos de persoas beneficiarias.
Máis polo miúdo, das 976 posibles persoas solicitantes con recoñecemento en vigor nalgún momento do 2022 ou 2023 (104 persoas máis que na edición anterior), foron presentadas 608 solicitudes para as Axudas DGAN 2023 (cen máis que na edición anterior).
Das solicitudes presentadas, o 83% (504) foron admitidas (81 máis que na edición anterior), mentres que 56 contan con cuestións a subsanar e outras 48 non cumpren co apartado de persoas beneficiarias.
Ademais da publicación desta listaxe, solicitáronse ás federacións deportivas galegas os certificados de resultados deportivos dos seus deportistas. As persoas que conten con cuestións a subsanar teñen dez días hábiles, ata o luns 7 de agosto de 2023 para facelo na sede electrónica da Xunta de Galicia ou en calquera rexistro oficial previsto no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.