Nacín na Coruña, en plena etapa dourada do Superdépor, no 1995. E o acontecemento tivo lugar xusto ao lado do estadio de Riazor. No Hospital Belén. Ese dato quedóuseme tan gravado na cabeza que cando me preguntaban de onde era, eu sempre dicía “son da Coruña e nacín ao carón de Riazor”. Pero voulles confesar que a única vez que entrei no estadio foi no ventre da miña nai.
Ela sempre me lembra que a pesar de que aínda non teño acudido a estadio ningún, antes de nacer si estiven nun, e foi xusto no da cidade herculina. Era agosto do ano en que nacín. Os meus pais viñan a unha revisión á Coruña para ver se servidora seguía a medrar correctamente mentres seguía somerxida placidamente no líquido amniótico.
Miña nai sempre me lembra que a pesar de que aínda non teño acudido a estadio ningún, antes de nacer si estiven nun e foi, xustamente, Riazor
Á saída da revisión, miña nai, grande seareira branquiazul, caeu na conta de que Riazor tiña unha porta aberta e non resistiu a tentación de se colar. Aló foi!
Tivo a sorte de que xusto os xogadores saían de adestrar. Ela ata levaba unha foto de Arsenio Iglesias no bolso e de sorpresa acercoúselle o gran Donato. Non perdeu a ocasión e pedíulle un autógrafo que plasmou nesa imaxe que garda con moito agarimo.
Ese autógrafo aínda o conserva, como tamén garda unha camiseta do Dépor da tempada do 2004-05. Esa elástica era o ben máis apreciado do outro gran afeccionado do equipo coruñés que había na miña familia e que nos deixou fai dous anos, meu padriño. Esas son as reliquias familiares que me unen á entidade deportivista. Por que eu, non vou mentir, nunca fun moi futboleira.
Nunca fun moi futboleira. A min gustábame máis botar o balón que darlle patadas. Si, sonlles máis de basket que de fútbol
Pero chegou o día do meu debut. Como fai alusión o dito, para todo nesta vida sempre hai unha primeira vez. A miña, na cancha deportivista será mañá e por partida dobre. Pode resultar estraño o que vou dicir sendo xornalista deportiva pero, aló vai: nunca fun ver un partido de fútbol a un estadio e nunca entrei en Riazor. Tiven ocasión de estar en Wembley, pero foi para ver un concerto de música.
Penso que sendo galega é un gran pecado e como xornalista pode ser moi estraño, máis aínda se lles confeso que desde os 15 anos sabía que quería ser xornalista deportiva. Pero a verdade que teño os meus porques. En primeiro lugar, a min gustábame máis botar o balón que darlle patadas. Si, sonlles máis de basket que de fútbol.
As miñas curmáns, sobre todo a maior, animáronme a ir adestrar a baloncesto e desde aquela, esa paixón polas canastras e a pintura foi en aumento a medida que cumpría anos. Teño que dicir que o Obradoiro, o Breogán e o Durán Maquinaria Ensino si que os vin en directo unha boa chea de veces.
Con 15 anos funme vivir a Cádiz e só viña a Galicia nas épocas nas que non había competición deportiva
A segunda razón é que con 15 días de vida funme directa vivir a Cádiz. Meu pai traballaba alí e entón miña nai e máis eu fixemos esa longa viaxe. Eu só viña a Galicia nas épocas nas que non había competición deportiva. Por iso tamén penso que desenvolvín maior emotividade por un equipo que é de fóra da miña terriña.
Vinte e cinco anos despois daquela primeira vez, na que aínda non nacera, debutarei en Riazor como seguramente farán outras mulleres
Vinte e cinco anos despois daquela primeira vez na que aínda non nacera, debutarei en Riazor como seguramente farán outras mulleres. Será o debut das deportistas no campo coma futbolistas en partido oficial. Na grada seguro que será o primeiro partido para máis dunha seareira. E na sala de prensa, esta xornalista deportiva que lles fala, tamén vivirá a súa primeira vez como informadora nun campo de fútbol. Ningunha de nós o viviremos nun partido calquera senón nun cruce de Copa do RC Deportivo e o Valencia CF á procura da Copa da Raíña.
As primeiras veces non se esquecen.
